O berce de pedra de Díaz Castro

TerraChaXa
Por Raul Río O berro das Pedras é o poema mais longo do poemario Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, o único libro publicado en vida do poeta e do que, como ben di Marica Campo, é moi difícil escoller o mellor entre os trinta e dous que compoñen a obra, debido a gran calidade de todos eles.
12 Jun 2018

Por Raul Río

berro das Pedras é o poema mais longo do poemario Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, o único libro publicado en vida do poeta e do que, como ben di Marica Campo, é moi difícil escoller o mellor entre os trinta e dous que compoñen a obra, debido a gran calidade de todos eles. Aínda que a pedra está presente en todo o libro, nesa composición quixo utilizar esa materia nobre e fría como fío condutor para lembrar a historia, cantar aos pobos antigos, invocar aos antepasados, ás divindades, ás lendas e ós mitos; no que a pedra dos dolmens foron cristianizadas por Xesús na pedra románica e barroca baixo as alas das torres xemelas de Compostela, para vivir en comuñón e harmonía por encima do tempo e dos séculos nun ambiente panteísta no cal a pedra, traballada ou non, é un símbolo de unidade e permanencia.

Non cabe dúbida de que ese material tivo moita influencia na súa obra, debido á cantidade de penedos e canteiros que houbo na parroquia natal do poeta, como nos lembra o compañeiro Antón de Guizán, presidente da Asociación Cultural Lareira de Soños, nun interesante artigo aparecido no suplemento A Chaira do diario El Progreso o pasado día vinte e dous de maio.

A súa aldea natal do Vilariño, o seu paraíso perdido, está rodeada de penedos e rochas graníticas da serra de Montouto; incluso diante dela, ao lado da súa aira de mallar, nunha finca de Abelardo Calvo (Abelardo do Carboeiro), foi onde collín a pedra na que esculpín o seu busto.

Os Manchas, casa natal de súa nai, está tamén a carón desa serra e daquela casa saíron dous grandes canteiros, dos que tamén fala Antón, que labraron preciosos e artísticos cruceiros: Ignacio Castro, un antepasado do poeta esculpiu o cruceiro de Río Torto do Buriz e Eustaquio Castro, seu tío e padriño, esculpiu as caveiras que se atopan ao lado da igrexa, na entrada do cemiterio vello de Os Vilares, como querendo poñer os lindes entre os lugares dos vivos e dos mortos, e tamén o calvario que se atopa no adro da mesma parroquia, segundo me teñen contado o poeta e mais seu irmán Serafín cando paseabamos polo Vilariño.

As casas dos labregos están feitas de canterías de granito que nos protexen dos calores do verán e das xeadas do inverno, o pan de trigo ou de centeo, que nos alimenta, móese na pedra albeira do muíño e cócese tamén en fornos de pedra; incluso a pedra foi noutros tempos a derradeira morada dos vilaregos, baixando á terra con eles en forma de sartego, como os que apareceron arredor da igrexa. Esa comuñón entre o home e a pedra marcou para sempre a vida do poeta. Metaforicamente podemos dicir que o berce de Díaz Castro é de pedra, labrado en granito de Montouto polos seus antepasados canteiros.

De neno pastaba as vacas e xogaba por entre aqueles penedos e, xaora que nese ambiente é doado que sentira sempre un forte amor por ela. Cando lle ensinei a un estudoso da súa poesía as fotografías deses penedos quedouse abraiado e díxome que iso axudáballe moito a entender os seus versos, aínda que tampouco sexa necesario entendela para admirar a súa beleza, porque como el mesmo dicía nunha carta dirixida a Celso Emilio Ferreiro e datada en 1955: Toda poesía ha ter unha dose de misterio, de fermosa inaccesibilidade e segredo tentador en descifrala,  porque a poesía é síntese e non necesitamos comprendela totalmente para admirala;  e a súa ten todo iso e moito mais.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18358898162842