O BNG anima a participar na campaña 'Mellor Local, Mellor Galego' en Vilalba

TerraChaXa
Desde o Bloque chaman á veciñanza a apostar por un consumo responsable, que dinamice a economía local e ademais sexa respectuoso co medio ambiente
Mellor-Local,-Mellor-Galego-BNG-en-Vilalba
23 Dec 2024

O BNG presentou a campaña 'Mellor Local, Mellor Galego' en Vilalba, coa que se anima a consumir produtos galegos e no comercio de proximidade durante estas datas festivas, mais tamén no resto do ano.

Os nacionalistas organizan, cada ano, esta campaña de promoción "nas datas previas ao Nadal, cando damos a coñecer as propostas que deseñamos para apoiar e incentivar a compra do produto local feito en Galicia", explicou Olalla Rodil, viceportavoz do BNG no Parlamento Galego, que estivo xunto co concelleiro en Vilalba, Tino Alvite, e militantes de Vilalba.

O BNG quere poñer en valor con esta campaña "a importancia do comercio tradicional, comercio do que podemos desfrutar en Vilalba cunha parte do mellor da nosa terra, os seus produtos, onde son garantía de calidade e ademais o valor engadido da proximidade de onde se xeran", explicou Rodil.

Así, desde o Bloque chaman á veciñanza a apostar por un consumo responsable, que dinamice a economía local e ademais sexa respectuoso co medio ambiente.

Por isto, apostan por incentivar a compra de produtores locais e galegos, a recuperación dos mercados municipais e tradicionais, a promoción alternativa e ecolóxica ou a promoción de axudas para implantar ou mellorar establecementos que comercialicen produtos autóctonos.

0.19090485572815