O BNG das Pontes asegura que os investimentos da ITX son menores nesta localidade

TerraChaXa
"Namentres nas Pontes se anuncia e non se cumpre, outros concellos como Puertollano e Langreo avanzan", din
laboratorio-ciclo-combinado-endesa
Endesa
3 Ago 2024

Segundo explica o BNG das Pontes, o Instituto de Transición Xusta (ITX), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica, vén de informar do financiamento da construción do Polígono Industrial La Nava III Fase, en Puertollano, cunha achega de 2 millóns de euros sobre un orzamento total de 2,7 millóns; o chan industrial que se creará será de 220.000 m2 e, segundo informa o propio ITX, con esta actuación Puertollano converterase na capital da nova enerxía das novas tecnoloxías.

Por outra banda, tamén o ITX comunicou a inauguración dunha Residencia de Maiores no concello asturiano de Langreo, cun orzamento de 6 millóns de euros, 116 prazas, e 60 novos postos de traballo.

"Pola contra, nas Pontes, logo dunha chea de propaganda, o goberno municipal do PSOE (o mesmo partido que goberna no Estado), nin consigue chan industrial nin Residencia para Maiores; a súa prioridade son 1,5 millóns de euros para pintar unha rotopala que lle comprou a Endesa por 300.000 euros, cando a tiña regalada. Todo un éxito de xestión", engaden.

"Anda moi preocupado o alcalde en tirar tódalas instalacións de Endesa, para que esta empresa poda eludir as súas responsabilidades sociais e económicas con As Pontes; e para xustificarse pon a desculpa formal de conseguir chan industrial, sen ter a propiedade, xa que é privado, e sen explicar que non estaría dispoñíbel até dentro de seis ou sete anos, cando xa terían rematado todas as axudas para instalar novos proxectos", asegura.

Sobre a Residencia "que imos dicir que non se saiba, xa son incontábeis os anuncios feitos polo PSOE, todos sen cumprir, o último o da compra do colexio Pardo Bazán, que realmente non fixeron", conclúen.

"Namentres nas Pontes se anuncia e non se cumpre, outros concellos como Puertollano e Langreo avanzan. Eis a diferenza e a realidade", din

0.16150093078613