O BNG das Pontes chama á cidadanía a unha nova mobilización pola sanidade pública

O BNG das Pontes fai un chamamento á veciñanza para participar nunha nova mobilización este venres en defensa da sanidade pública e contra os recortes na atención primaria aplicados polo SERGAS e a Xunta de Galiza.
A concentración de mañá cobra especial relevancia tras coñecerse a próxima marcha do Dr. de Juan, un profesional moi querido na localidade que se ve na obriga de cambiar de destino polas condicións precarias dos contratos do SERGAS. Para o BNG, esta situación é unha evidencia máis das consecuencias que a falta de estabilidade e as condicións laborais inadecuadas teñen sobre os e as profesionais sanitarios e sobre a calidade e continuidade da atención que recibe a cidadanía.
A formación nacionalista lembra que as reivindicacións para o centro de saúde das Pontes seguen plenamente vixentes: a cobertura total e definitiva dos servizos de pediatría e enfermaría pediátrica, a posta en funcionamento dun servizo de raios X, a recuperación da atención xinecolóxica, a cobertura completa do servizo de matrona e unhas cargas de traballo dignas e respectuosas cos dereitos do persoal sanitario.
O BNG das Pontes insiste na necesidade de garantir uns servizos sanitarios públicos suficientes, estables e de calidade, que dean resposta ás necesidades da poboación e permitan tanto unha atención axeitada como unhas condicións laborais dignas para os e as profesionais.
Por iso, anima a toda a veciñanza a sumarse á mobilización deste venres ás 12.00 diante do Centro de Saúde das Pontes e a manter a defensa colectiva dunha sanidade pública próxima, accesible e dotada dos recursos humanos e materiais necesarios.