O BNG das Pontes critica o atraso do parque canino da Canle IV e reclama melloras na súa execución

TerraChaXa
A formación nacionalista asegura que o proxecto continúa sen rematar tres anos despois do seu anuncio e lembra que o parque previsto para o Lago segue sen executarse
perro-can-paseo-xenerica
11 Jul 2026

O BNG das Pontes denunciou a situación do parque canino da Canle IV, que considera un exemplo da “conduta propagandística do goberno local e da falta de planificación”. A formación sinala que a actuación foi anunciada en abril de 2023 xunto coa creación dun segundo parque no Lago, pero asegura que, tres anos despois, o primeiro continúa inacabado e o segundo segue sen executarse.

Segundo lembra o grupo nacionalista, o goberno municipal presentara hai tres anos un proxecto que contemplaba dous parques caninos: un na Canle IV, dotado de peche perimetral e pérgola de madeira, e outro no Lago, que incluiría unha zona de baño adaptada. O BNG indica que a previsión inicial era que o parque da Canle IV estivese operativo en xuño de 2023, pero afirma que as obras aínda non remataron e que o peche perimetral, cunha altura de 1,40 metros, continúa incompleto. En canto ao parque previsto para o Lago, lembra que foi reclamado por máis de 1.500 veciños e veciñas desde 2016 e que, na actualidade, non existe ningunha actuación en marcha.

A formación asegura que a actuación realizada ata o momento, executada con recursos municipais e, segundo afirma, sen proxecto público nin comunicación previa, consiste nunha explanada de grava de 750 metros cadrados equipada con distintos elementos de agility, pero sen bancos e cun peche que, ao seu xuízo, non cumpre coa función para a que foi concibido.

O BNG subliña que non cuestiona a necesidade deste tipo de instalacións, senón a forma na que se está desenvolvendo o proxecto, ao considerar que un servizo demandado durante unha década non debería executarse “con este grao de desidia”.

A pesar das críticas á localización escollida para o parque da Canle IV, a formación considera que, dado que as obras xa están en marcha, é posible introducir unha serie de melloras. Entre elas, propón ampliar a superficie ata un mínimo de 1.000 metros cadrados e incorporar unha zona de herba que permita ás mascotas correr e xogar en mellores condicións, ao entender que a grava é un material duro, áspero e que alcanza altas temperaturas durante o verán.

En relación co peche do recinto, o BNG solicita que a súa altura sexa de, polo menos, dous metros, unha medida que, segundo indica, responde a recomendacións técnicas e á experiencia doutros concellos. Tamén propón que a cerca cubra todo o perímetro, conte cun sistema de dobre porta para evitar escapes e dispoña dun acceso adaptado para vehículos de mantemento.

Outra das propostas fai referencia á creación de zonas de sombra. A formación considera positiva a instalación da pérgola de madeira anunciada, pero aposta por complementala coa plantación de especies arbóreas autóctonas, como carballos (Quercus robur) ou castiñeiros (Castanea sativa), co obxectivo de proporcionar sombra natural, contribuír á regulación da temperatura, favorecer a biodiversidade e integrar o parque na contorna.

Ademais, o BNG reclama a incorporación de servizos básicos como unha fonte de dobre uso para persoas e mascotas, colectores de lixo, bancos e iluminación pública, elementos que considera imprescindibles nun espazo destas características.

A formación sostén que esta situación evidencia as consecuencias de gobernar “con anuncios sen planificación” e lembra que, como grupo da oposición, considera unha obriga fiscalizar a acción do goberno municipal e presentar alternativas.

Neste sentido, o BNG afirma que non limita o seu labor á crítica, senón que formula propostas, achega melloras aos proxectos existentes e defende un modelo de goberno baseado na participación veciñal, no diálogo coas asociacións e coas persoas usuarias dos servizos municipais. A formación asegura que continuará exercendo o seu labor de fiscalización e propoñendo iniciativas para avanzar cara a un concello “máis xusto, transparente e participativo”.

0.11769986152649