O BNG das Pontes demanda ao Goberno local unha reclamación contra os fondos de transición xusta

TerraChaXa
Consideran os nacionalistas que as bases das axudas son contrarias aos intereses das Pontes
presentacion-programa-bng-as-pontes
23 Oct 2024

No último Pleno Ordinario de setembro, no apartado de rogos e preguntas, o BNG das Pontes advertía ao goberno municipal do PSOE sobre da posibilidade, "máis que fundada", de que a Xunta procedera a convocar as axudas dos fondos da Transición Xusta a proxectos xeradores de emprego nun ámbito xeográfico superior ao das áreas de peche de centrais térmicas, nomeadamente aos 19 concellos galegos das zonas de Meirama (Carral, Cerceda, A Laracha, Ordes e Tordoia) e As Pontes (Cabanas, A Capela, Cerdido, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Muras, Ortigueira, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas, Vilalba e Xermade). "Dende o PSOE afirmábase que, logo dos contactos coa Xunta, ter a convicción de que se aplicarían, cando menos, criterios de discriminación positiva para os concellos citados, incluídos os da provincia de Lugo. Con todo, o BNG poñíase á disposición do Concello para evitar o trato desfavorable das zonas da chamada Transición Xusta galegas".

Afirman os nacionalistas que as advertencias e sospeitas do BNG veñen de confirmarse coa publicación no DOG das bases e da convocatoria, en competencia competitiva, dos préstamos para proxectos empresariais de investimento creadores de emprego, na modalidade pequenas e medianas empresas, previstos no Programa do Fondo de Transición Xusta 2021-2027.

Explican que nelas establécese como ámbito xeográfico a totalidade da provincia da Coruña, excluíndo polo tanto aos concellos de Muras, Vilalba e Xermade; para proxectos localizados no resto de concellos das zonas de Transición Xusta, o baremo fixa unha puntuación de tan só 5 nos 11 criterios de priorización sobre un máximo de 105 puntos. Ademais, no caso de empate, o de localización sería o octavo criterio en aplicarse.

"Tamén se debe subliñar, como aspecto moi negativo, que, aínda que o criterio de creación de emprego é o de maior peso con 35 puntos e prioritario no caso de empate, á contratación do persoal que está na bolsa de emprego do Instituto de Transición Xusta, algún procedente das Auxiliares e do transporte do carbón, correspóndelle un máximo dun punto", din.

O BNG ten solicitado unha reunión urxente da Comisión de Industria do Concello para analizar, entre outros aspectos, a posibilidade de presentar un recurso contra das bases, por ser claramente contrarias aos intereses das Pontes, agravada pola situación local de falta de solo industrial; tamén entende que debería ser un asunto preferente para desaparecido, por decisión unilateral do PSOE, Comité de Crise.

0.16436219215393