O BNG das Pontes denuncia novas deficiencias no servizo de autobús e esixe solucións

A agrupación local do BNG vén de poñer en coñecemento público unha nova incidencia no servizo de transporte público que afecta á nosa localidade, unha demanda que recolle as inquedanzas que a propia veciñanza nos fai chegar de forma cotiá.
Se hai unha semana as retencións de tráfico provocaban atrasos de ata 40 minutos para entrar e saír da vila, este sábado a situación "foi aínda máis inaceptable", explica ao BNG con case unha decena de veciñas que quedaron "tiradas" na estación de autobuses porque o bus da liña Ferrol-Lugo proseguiu a súa marcha sen realizar a parada programada nas Pontes.
O BNG quere, en primeiro lugar, agradecer ao tecido asociativo local por promover actividades diversas que dinamizan e poñen en valor a nosa vila. Porén, esta situación evidencia a necesidade urxente de demandar tanto ao Concello como á empresa responsable do servizo, Arriva, que se respecte a dignidade da nosa veciñanza.
A solución, dende o noso punto de vista, é ben sinxela e xa foi reclamada noutras ocasións: prevención, transparencia e unha comunicación aberta e activa. Non é posible que, por falta de información previa sobre protocolos de seguridade, cortes de tráfico ou medidas de prevención, a veciñanza teña que soportar estas situacións que se poderían evitar cunha simple comunicación anticipada. O transporte público é un dereito e non pode converterse nunha fonte constante de problemas para a cidadanía.
O BNG das Pontes seguirá vixiante e esixirá responsabilidades tanto ao goberno local como á empresa concesionaria para que se poñan en marcha medidas que eviten que situacións como esta se repitan.