O BNG de Cervo presenta a Diego Fernández como candidato a Alcaldía

TerraChaXa | AMariñaXa
O Bloque Nacionalista Galego en Cervo anuncia a presentación do candidato á alcaldía para as eleccións municipais que se celebrarán o próximo mes de maio.
Captura
Captura
5 Abr 2019

O Bloque Nacionalista Galego en Cervo anuncia a presentación do candidato á alcaldía para as eleccións municipais que se celebrarán o próximo mes de maio. A formación presentará como cabeza de lista a Diego Fernández Martínez, nacido en Lieiro en 1987, traballador no peirao da factoría Alcoa en San Cibrao. Presidente do Comité de Empresa de CYRGASA, e moi vinculado ao deporte mariñao, é o actual responsábel local do BNG en Cervo.
Coa proposta de Diego Fernández, a formación nacionalista continúa no camiño da renovación das súas caras visíbeis, nunha aposta pola mocidade combinada coa experiencia, que xa iniciara fai catro anos e continúa nesta ocasión, coa elaboración dunha candidatura ampla e plural, que presentará ao completo en próximas datas.
Democracia e participación, recuperación demográfica, habitabilidade, política social, e dinamización cultural e deportiva son as cinco ideas chave da proposta da formación nacionalista para gobernar o concello de Cervo.
Para Diego Fernández, “os 20 anos de goberno do Partido Popular en Cervo non serviron par mellorar a vida da xente, nin tampouco para asentar bases para frear a constante caída poboacional, a degradación da actividade económica e comercial, a ausencia de servizos básicos como o saneamento integral do concello especialmente no rural, ou a inexistente ordenación territorial coa aprobación dun PXOM que impulse de xeito decisivo, ordenado, e homoxéneo o medio rural e urbano do municipio.”
O BNG buscar darlle a volta a estas carencias, e para isto conta coas ideas claras e as persoas para facelo, e tamén coa participación imprescindíbel da xente á que se lle dará, como é premisa fundamental na formación nacionalista, capacidade de decisión no día a día para facer un Cervo máis transparente, máis democrático, máis honesto no seu goberno e máis vivo.

0.18152189254761