O BNG de Guitiriz denuncia a ocultación dos decretos da Alcaldía

TerraChaXa
O BNG de Guitiriz denuncia a ocultación dos decretos da Alcaldía e afirma que decidiu que os grupos só terán aceso 5 días antes de cada Pleno.
Pleno Guitiriz 28 de xullo
Pleno Guitiriz 28 de xullo
7 mar 2023

"A tan só 2 meses e medio das vindeiras eleccións de Maio, a alcaldesa de Guitiriz Marisol Morandeira (PSOE) amosa o seu pouco talante democrático ao restrinxir o acceso aos decretos de Alcaldía a tan só 5 días antes de cada Pleno. Así, fronte á información en tempo real que se producía ata o de agora, en diante, só se coñecerá a actividade da Alcaldía 5 días antes dos plenos, producíndose unha clara ocultación e falta de transparencia por parte da Alcaldía", salientan dende o BNG municipal e aseguran que "non é ético, democrático nin transparente".

Dende o BNG lamentan profundamente "esta regresión democrática por parte da Alcaldía, que non ten xustificación algunha e que supón un novo avance na actitude prepotente e pouco democrática que se ven producindo por parte da alcaldesa nos Plenos, nos que toda a veciñanza pode ver a actitude chulesca e maleducada que amosa a miúdo".

"Podemos entender o nerviosismo da alcaldesa diante da vindeira cita coas urnas, nas que se anticipa unha importante perda de apoios de PSOE e PP descontentos coa labor destes grupos nestes catro anos", indican.

No BNG entenden que o Concello debe ter unha transparencia total, con acceso á información por parte da veciñanza e dos seus representantes políticos. Por iso, "propoñemos unha política de paredes de cristal a partir do vindeiro 28 de maio se temos capacidade para gobernar".

"O Concello é a casa de todos e todas as veciñas de Guitiriz, polo que aplicaremos políticas avanzadas en transparencia á altura dunha sociedade moderna. A ocultación e escurantismo na labor do grupo de goberno rematará o 28 de maio", conclúen.