O BNG de Guitiriz recolleu alegacións ao proxecto de Altri

TerraChaXa

O BNG de -Guitiriz recolleu na feira de Parga alegacións ao proxecto que a multinacional portuguesa Altri pretende realizar en Palas de Rei.

BNG Guitiriz Altri
BNG Guitiriz Altri
15 abr 2024

O BNG de -Guitiriz recolleu na feira de Parga alegacións ao proxecto que a multinacional portuguesa Altri pretende realizar en Palas de Rei.

Mónica Roca, portavoz do BNG en Guitiriz di que "a veciñanza deste país está a amosar o seu rexeitamento a un proxecto que non é nin sostible nin moito menos circular, un proxecto tramitado cunha absoluta falta de transparencia e con enganos".

A portavoz do BNG afirmou que "este proxecto supón unha autentica bomba ambiental no corazón de Galiza” e explicou que “durante máis de dous anos estivéronnos enganando pois publicitouse unha factoría de fibras téxtiles e finalmente sóubose que o obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa soluble”.

"O proxecto de Altri en Palas de Rei condicionará de maneira decisiva a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando aos equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega", explicou Roca, que destacou que "a afección deste proxecto vai máis alá dos concellos da contorna, do río Ulla e da ría de Arousa, é un proxecto que atenta contra os intereses xerais de Galicia".

Mónica resaltou que “non se coñece que asociado a este proxecto se contemple ningún plan de industrialización ligado ao sector do papel, cartón e téxtil, que promova o peche dos ciclos produtivos en Galicia e aumente o valor engadido en sectores básicos da nosa economía”.

Circunstancia que a leva a concluír que estamos ante “unha industria de enclave”. Unha “pasteira de grandes dimensións” que se vai levar a outros países a transformación e que pon en perigo importantes sectores produtivos como o do sector agrario, gandeiro, do mar e do sector turístico e cultura.