O BNG de Mondoñedo presentou unha moción no último pleno sobre concentración parcelaria
O BNG mindoniense pedirá no pleno que se vai celebrar mañá venres, que o concello inste a Consellería do Medio Rural a que, antes da entrega de actas definitivas de reorganización da propiedade das concentracións parcelarias da Zona Norte de Mondoñedo e Sasdónigas, se rematen todos os traballos pendentes de mellora e acondicionamento de fincas.
Ámbalas dúas concentracións teñen superada xa a fase de aprobación do acordo de reestruturación parcelaria e só faltaría a entrega das Actas de Reorganización da Propiedade.
Hai fincas sen acondicionar, sen entrada e estradas asfaltadas dentro das novas fincas de substitución que impiden e dificultan o cultivo dos novos predios.
Eloi Cabanas apunta que no caso da concentración parcelaria da Zona Norte, no ano 2012, fíxose un proxecto de acondicionamento de fincas porque o persoal técnico da Consellería considerou que era necesario, pero segundo as informacións que teñen os nacionalistas, estas melloras non se van levar a cabo e vanse entregar as actas de reorganización da propiedade sen executar o proxecto de acondicionamento tal e como marca a lei de concentración, ”moitos propietarios e propietarias non poden acceder as súas fincas como é debido xa que as entradas non están acondicionadas”.
O BNG recoñece que son procedementos lentos e burocráticos pero denuncian que non é de recibo ter que esperar tanto tempo para o remate da concentración parcelaria nestas dúas zonas afectadas e lamentan que a alcaldesa de Mondoñedo non cumprira a promesa de axilizar canto antes estes dous procesos de reestruturación daquela que entrou no goberno, “isto demostra que a reunión mantida entre a alcaldesa e o Conselleiro do medio Rural o pasado 9 de xaneiro só serviu para facerse unha fotografía con el e tentar facer crer aos mindonienses que consegue algo beneficioso para Mondoñedo”, conclúe.