O BNG de Mondoñedo presentou unha moción no último pleno sobre concentración parcelaria

TerraChaXa | AMariñaXa
4 Abr 2019

O BNG mindoniense pedirá no pleno que se vai celebrar mañá venres, que o concello inste a Consellería do Medio Rural a que, antes da entrega de actas definitivas de reorganización da propiedade das concentracións parcelarias da Zona Norte de Mondoñedo e Sasdónigas, se rematen todos os traballos pendentes de mellora e acondicionamento de fincas.

Segundo explicou o voceiro do BNG no concello de Mondoñedo, Eloi Cabanas, na actualidade hai en marcha dous procesos de concentración parcelaria no concello de Mondoñedo, un na parroquia de Sasdónigas, declarado de utilidade pública xa no ano 1967 e que afecta a 252 propietarios, e outro denominado Zona Norte, declarado de utilidade pública no 1991 nas parroquias de Masma, Vilamor e Couboeira e que afecta a 761 propietarios.
Ámbalas dúas concentracións teñen superada xa a fase de aprobación do acordo de reestruturación parcelaria e só faltaría a entrega das Actas de Reorganización da Propiedade.
Hai fincas sen acondicionar, sen entrada e estradas asfaltadas dentro das novas fincas de substitución que impiden e dificultan o cultivo dos novos predios.
Eloi Cabanas apunta que no caso da concentración parcelaria da Zona Norte, no ano 2012, fíxose un proxecto de acondicionamento de fincas porque o persoal técnico da Consellería considerou que era necesario, pero segundo as informacións que teñen os nacionalistas, estas melloras non se van levar a cabo e vanse entregar as actas de reorganización da propiedade sen executar o proxecto de acondicionamento tal e como marca a lei de concentración, ”moitos propietarios e propietarias non poden acceder as súas fincas como é debido xa que as entradas non están acondicionadas”.
O BNG recoñece que son procedementos lentos e burocráticos pero denuncian que non é de recibo ter que esperar tanto tempo para o remate da concentración parcelaria nestas dúas zonas afectadas e lamentan que a alcaldesa de Mondoñedo non cumprira a promesa de axilizar canto antes estes dous procesos de reestruturación daquela que entrou no goberno, “isto demostra que a reunión mantida entre a alcaldesa e o Conselleiro do medio Rural o pasado 9 de xaneiro só serviu para facerse unha fotografía con el e tentar facer crer aos mindonienses que consegue algo beneficioso para Mondoñedo”, conclúe.
0.18597912788391