O BNG de Outeiro de Rei cuestiona a tramitación das contas municipais e reclama máis transparencia na xestión económica

LugoXa | TerraChaXa
Os nacionalistas critican o atraso na aprobación do orzamento de 2026 e poñen o foco na aprobación de máis de 150 facturas nunha Xunta de Goberno Local
bng-pleno-outeiro-de-rei
4 Aug 2026

O BNG de Outeiro de Rei volveu expresar as súas críticas á xestión económica do goberno municipal tras o pleno extraordinario celebrado para aprobar definitivamente o orzamento de 2026. A formación nacionalista considera que o atraso na tramitación das contas dificulta o labor de control da oposición e limita o debate sobre o destino dos recursos municipais.

Durante a sesión plenaria, o grupo nacionalista formulou catro preguntas ao alcalde relacionadas cos motivos polos que, segundo sostén, os orzamentos se presentan fóra dos prazos establecidos, así como sobre a tramitación de expedientes de recoñecemento extraxudicial de créditos e o cumprimento dos informes emitidos pola Intervención municipal. Segundo o BNG, ningunha destas cuestións obtivo resposta durante o pleno.

A formación tamén puxo o foco na aprobación, o pasado 29 de xuño, dun lote de máis de 150 facturas por un importe superior aos 170.000 euros nunha Xunta de Goberno Local. Segundo os nacionalistas, esas facturas corresponderían a gastos que non estaban previstos nin no orzamento de 2025 nin no borrador das contas de 2026.

O BNG sostén que este sistema de tramitación reduce as posibilidades de fiscalización por parte da oposición, ao tratarse de reunións ás que non poden asistir os grupos da corporación e nas que, segundo indican, non se reúne previamente a Comisión Especial de Contas.

Ademais, a formación asegura que os informes da Intervención municipal advertiron en ocasións anteriores sobre a necesidade de regularizar este tipo de expedientes, motivo polo que reclama unha maior planificación orzamentaria e unha tramitación das contas dentro dos prazos previstos pola normativa.

0.13643002510071