O BNG de Outeiro presenta unha iniciativa para regular a selección de persoal no Concello
O BNG de Outeiro tense marcado o reto de rematar co caciquismo que rexe nas contratacións de persoal no concello. Así, vén de presentar unha iniciativa para regular dun xeito democrático a configuración dos procedementos selectivos no Concello de Outeiro de Rei.
O concello de Outeiro e coñecido en todo o país porque nel traballa toda a familia dos dous últimos alcaldes, así como todos os axentes electorais do PP que participan nas eleccións. “O BNG aspira a que Outeiro de Rei sexa coñecido polos seus lugares de interese, como a Casas de Manuel María, as Insuas do Miño, Penas de Rodas, o campo da Santa Isabel ou a ponte de Seivane e non polo sistema de contratación imperante en Outeiro de Rei”, manifestou o voceiro do BNG Xosé Ferreiro.
Nesta iniciativa, rexeitada polo PP propoñíase, entre outras moita medidas, que os tribunais foran designados a sorteo dunha lista elaborada con persoas propostas pola Xunta, as universidades ou os colexios profesionais. Tamén se propoñía que as convocatorias foran publicitadas suficientemente e que as lecturas dos temas, elaborados por expertos, foran públicas, que se gravaran en vídeo e que se fixeran o mesmo día que o exame para evitar os “cambiazos”.
“Garantir o cumprimento dos principios de igualdade, mérito e capacidade nas probas de selección para traballar é o mínimo que se pode pedir nun funcionamento democrático e sen estes principios, deixamos de ser cidadáns para converternos en súbditos do cacique correspondente”, asegurou Xosé Ferreiro.
Chama a atención que fai escasamente dous meses aprobouse unha iniciativa practicamente idéntica na Deputación de Lugo, que nese caso contou co voto favorábel do PP e do alcalde de Outeiro de Rei, que tamén é deputado provincial. Isto demostra a hipocrisía do señor Pardo, que vota unha cousa cando vai a Deputación e a contraria cando se atopa no concello.