O BNG de Pol organiza unha charla informativa sobre o mercado de carbono no sector forestal

O BNG de Pol celebrará o venres 5 de xuño unha charla informativa centrada nas novas oportunidades que ofrece o mercado de carbono CO₂ para o sector forestal. O encontro terá lugar ás 16.30 horas no bar Recuncho de Novo, situado en Rioxoán, na parroquia de Valonga.
A sesión contará coa participación de Montserrat Valcárcel, deputada do BNG no Parlamento de Galicia, que abordará os beneficios económicos de dispoñer de masas forestais e os requisitos necesarios para a súa rendibilidade dentro do mercado dos créditos de carbono.
A actividade terá unha duración aproximada de 45 minutos e, unha vez rematada a exposición, abrirase unha quenda de intervencións para que os asistentes poidan formular dúbidas, resolver cuestións relacionadas co sector forestal e achegar propostas e ideas.
Desde a organización destacan que o acto pretende ser un espazo aberto de información e proximidade para analizar as posibilidades que ofrece este ámbito emerxente para propietarios e profesionais do sector forestal. Ademais, animan á veciñanza interesada a participar e agradecen que se confirme a asistencia para adaptar o aforo do local ás necesidades da reunión.