O BNG de Riotorto lamenta que se suspendese o último pleno antes de debater as mocións nacionalistas

TerraChaXa
A proposta da oposición pedía rozar e garantir o abastecemento de depósitos e puntos de carga de auga en distintos lugares do municipio
casa-do-concello-de-riotorto-2
18 Aug 2026

O alcalde de Riotorto Clemente Iglesias suspendeu o pleno ordinario celebrado o pasado venres "sen ofrecer explicacións á corporación e sen debater as mocións e propostas do BNG, tal e como informan os nacionalistas.

Os concelleiros do goberno marcharon do Salón de Plenos antes de que o BNG puidese expoñer a moción recollida na orde do día, na que se pedía rozar e garantir o abastecemento de depósitos e puntos de carga de auga en distintos lugares do municipio.

A portavoz nacionalista Vanesa Gómez, sostén que “é práctica habitual do goberno municipal reducir á mínima expresión o debate nos plenos, permitindo tratar só unha moción -aínda que non haxa ningunha outra cuestión na orde do día – e vetando o debate daquelas que lles resultan máis incómodas” e “que se mostran especialmente nerviosos cando hai persoas no público, como este venres”.

“Clemente Iglesias e o goberno municipal utilizan no pleno a mesma apisoadora que utilizan para pasar por riba dos dereitos das veciñas e veciños, como fixo coa instalación de cámaras no ximnasio e no pavillón deportivo do colexio sen previo aviso e coa difusión das imaxes en teléfonos particulares ou coa denuncia das traballadoras do SAF que asisten como público aos plenos“, sinalou a concelleira.

A portavoz nacionalista denuncia que “no último ano, Clemente Iglesias dedicou máis tempo a chamar á Garda Civil para amedrentar a persoas que cuestionan a súa xestión e a declarar no xulgado que ao debate democrático no pleno”.

O BNG lamenta que a suspensión do pleno impedise tamén formular, na quenda de rogos e preguntas, outros demandas, como a roza de terreos e pistas forestais situadas nas franxas de protección fronte a incendios delimitadas no Plan Municipal de Prevención de Incendios ou a cesión dun local municipal á Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto.

0.11156797409058