O BNG de Vilalba denuncia as altas temperaturas no PAI e reclama medidas urxentes

O BNG de Vilalba trasladou á opinión pública a súa preocupación pola situación que se está a vivir no Punto de Atención á Infancia (PAI) da localidade durante os últimos días de altas temperaturas. A formación nacionalista asegura que recibiu numerosas queixas das familias usuarias, que denuncian que as crianzas están a sufrir especialmente os efectos da actual vaga de calor nunhas instalacións que foron inauguradas recentemente.
Segundo explica o BNG, as familias consideran que “nunhas instalacións recentemente inauguradas non se poida manter unha temperatura axeitada que evite o risco para as crianzas” e entenden que “as condicións de illamento e climatización terían que ter sido revisadas”, ademais de reclamar a instalación dun sistema de renovación do aire que contribúa a evitar os malos olores.
O PAI, situado no edificio da Praza de Abastos xunto coa Unidade de Atención Temperá, dispón de 20 prazas para nenas e nenos de entre 0 e 4 anos. As instalacións foron acondicionadas mediante a eliminación de paredes interiores e a creación dun espazo aberto e diáfano con cinco zonas diferenciadas: gateo, descanso, hixiene, aseos e preparación de alimentos.
A formación tamén pon o foco na dotación de persoal do centro, sinalando que está composta por dúas traballadoras e unha persoa encargada da limpeza, unha situación que, ao seu xuízo, evidencia “a práctica imposibilidade para atender con eficacia a 20 crianzas desta idade, que requiren unha enorme dependencia dunha persoa adulta”.
As familias, segundo recolle o comunicado, consideran imprescindible manter o funcionamento do servizo, pero reclaman melloras tanto no acondicionamento do local como na creación dun pequeno patio exterior. Ademais, aseguran que desde o pasado mes de maio veñen recibindo comunicacións da responsable do centro solicitando que, na medida do posible, recollan antes ás súas fillas e fillos debido ás elevadas temperaturas rexistradas no interior do edificio.
Malia as dificultades, as familias destacan que “as traballadoras do PAI cumpren perfectamente co seu traballo e buscan o benestar con todos os recursos dispoñíbeis”. Con todo, consideran insuficientes as actuacións realizadas ata o momento polo Concello. Segundo indican, primeiro instaláronse ventiladores e posteriormente un sistema de refrixeración, aínda que “parece que tampouco está resultando eficaz”.
O BNG advirte de que as instalacións continúan sen cumprir “as condicións básicas de temperatura, humidade relativa e pureza do ar”. A formación lembra que especialistas pediátricos sitúan a temperatura idónea para este tipo de espazos entre os 22 e os 23 graos centígrados, mentres que as familias denuncian que no centro se superan con frecuencia os 25 graos, especialmente entre as 11.00 e as 17.00 horas.
Para os nacionalistas, esta situación supón “un grave problema que esixe unha solución inmediata”, tendo en conta que as familias usuarias dependen do servizo por motivos de conciliación familiar e laboral e que non sempre poden atender as peticións de recollida anticipada.
Por todo iso, o BNG asegura que, ante o coñecemento que o equipo de goberno municipal ten da situación e a falta de resultados das medidas adoptadas ata o momento, decidiu facer pública a preocupación das familias co obxectivo de que o Concello impulse de inmediato as actuacións necesarias para garantir unhas condicións adecuadas para as crianzas sen interromper o funcionamento dun servizo que consideran esencial.