O BNG de Vilalba pide explicacións sobre o financiamento e a organización da Xira dos Maiores

TerraChaXa
A formación nacionalista celebra a iniciativa como espazo de encontro, pero reclama coñecer o custo real do evento, a achega municipal e o número de participantes procedentes doutros concellos
xira-maiores-vilalba
31 Aug 2026

O BNG de Vilalba celebra a celebración da Xira dos Maiores como un espazo de encontro, convivencia e participación para as persoas maiores, mais considera necesario aclarar diferentes aspectos relacionados coa organización e o financiamento desta edición.

A formación nacionalista sinala que este ano a convocatoria contou cunha importante participación, con arredor de 900 persoas, unha cifra que supón duplicar o rexistro do ano anterior. Ademais, segundo se puido coñecer, entre as persoas asistentes había participantes procedentes doutros concellos da contorna e mesmo de localidades máis afastadas.

Ante esta situación, o BNG considera necesario coñecer con exactitude cal foi o tratamento dado ás persoas non empadroadas en Vilalba e se recibiron as mesmas condicións e beneficios que as persoas residentes no municipio. Neste sentido, a formación reclama transparencia sobre os recursos públicos destinados á celebración.

O BNG lembra que o equipo de goberno municipal anunciou que a Concellaría de Servizos Sociais asumiría unha parte importante do custo do menú e, por este motivo, considera imprescindible coñecer a contía concreta dos fondos municipais destinados a subvencionar o evento, así como o custo real de cada menú.

A formación nacionalista tamén quere saber cantas das persoas participantes procedían de fóra do Concello de Vilalba e que criterio se empregou para determinar as condicións de participación e o financiamento público da actividade.

«Celebramos que a Xira dos Maiores medre e que sexa un punto de encontro para as persoas maiores, pero precisamente por tratarse dunha actividade na que se empregan recursos públicos, é necesario que exista transparencia e que se expliquen claramente os custos e as condicións», sinala o BNG de Vilalba.

Por este motivo, o grupo municipal nacionalista anuncia que solicitará explicacións no vindeiro pleno da Corporación sobre o financiamento da Xira dos Maiores, o número de participantes procedentes doutros municipios e o custo efectivo asumido polo Concello.

O BNG tamén pedirá información sobre o procedemento empregado para a contratación ou licitación da infraestrutura necesaria para desenvolver a celebración, co obxectivo de coñecer como se xestionaron os recursos públicos vinculados ao evento.

Desde a formación nacionalista reiteran o seu apoio ás iniciativas destinadas a favorecer a convivencia e a participación das persoas maiores, pero consideran que este tipo de actividades deben desenvolverse con criterios de transparencia, igualdade e correcta utilización dos fondos públicos.

0.14394688606262