O BNG denuncia no Parlamento a escaseza de prazas nas escolas infantís vilalbesas
A deputada nacionalista Carme Aira presentou no Parlamento Galego unha serie de iniciativas para que as familias vilalbesas non vexan mermadas as súas capacidades de conciliación. A Vila de Vilalba, cabeceira da terra Chá experimentou un crecemento demográfico no ano pasado ao que temos que darlle a benvida por ser un elemento fundamental para a pervivencia de comarcas rurais no futuro. Habitualmente o número de nacementos viña sendo de 60 ao ano pero o ano pasado producíronse uns 104 o que fixo saltar as costuras da atención á infancia dentro do concello.
Vilalba conta con dúas unidades de asistencia á infancia, unha delas pertencente ao concello e outra a denominada Galiña Azul, que ofertaron en total 30 prazas en total de educación infantil para nenas e nenos de 0 a 3 anos. Na Galiña Azul quedaron 25 solicitudes pendentes de praza e na Escola Infantil do concello unhas 11.
A resposta dada pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica “ignora as queixas das familias e a lista de espera aducindo que ao ser unha etapa de ensino non obrigatorio, e polo tanto de carácter voluntario, a demanda está suficientemente cuberta” explica a deputada nacionalista, o cal resulta inexplicable como resposta da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, “xa que a súa actitude e disposición a non dar os servizos requiridos pola cidadanía e un desincentivador demográfico xa que conduce ás familias a trasladarse a cidades que conten con servizos de conciliación da vida familiar e laboral e non resten oportunidades educativas ás súas crianzas” afirma Carme Aira
Medidas para facilitar a conciliación
No Decreto 239/2005, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, indícase que en Concellos de maior poboación a autorización estará vencellada á necesidade de novas prazas asistenciais e á súa complementariedade coas ofertadas polas escolas infantís de 0 a 3 anos.” Neste caso está Vilalba, e as súas crianzas de 0-3 anos e as súas familias deben ter dereito ás mesmas prestacións que outros concellos nos que se creou un PAI de modo extraordinario como aconteceu recentemente no Concello de O Grove no que comparten xestión a Xunta de Galicia e o propio Concello.
“É precioso que a Xunta de Galiza interveña, en coordinación co concello se fora preciso, para dar atención á situación e ás persoas, sen esperar a que sigan nacendo crianzas este ano e o próximo que incrementarán as listas de espera, e para isto é importante que se actúe xa con medidas extraordinarias para atender esta situación extraordinaria tamén, e que as medidas que se tomen sexan para atender as necesidades dos próximos anos tamén” concluíu Carme Aira.