O BNG entrega máis de 500 sinaturas para reclamar os servizos sanitarios en Pol

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Olalla Rodil e Branca Fernández denuncian que a Xunta segue sen cubrir a praza médica comprometida e manteñen a presión para garantir unha "atención sanitaria digna"
firmas-atencion-sanitaria-en-pol
13 Jun 2026

A deputada do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, e a portavoz municipal do BNG en Pol, Branca Fernández, rexistraron diante da Xunta de Galiza máis de 500 sinaturas recollidas entre a veciñanza para esixir a restitución do 100% dos servizos sanitarios no concello.

A iniciativa enmárcase na campaña que o BNG vén desenvolvendo nas últimas semanas para denunciar a situación que atravesa o centro de saúde de Pol e reclamar unha solución definitiva á falta de persoal médico. Nun prazo aproximado dun mes, a formación nacionalista conseguiu reunir máis de medio milleiro de apoios, unha cifra que consideran unha mostra clara da preocupación e do malestar existente entre a veciñanza.

Branca Fernández agradeceu a implicación das persoas que participaron na campaña e destacou que “a resposta da veciñanza demostra que estamos ante un problema que afecta ao conxunto do concello, non só ás persoas adscritas ao cupo da médica que non foi substituída”. Neste sentido, lembrou que a ausencia desta profesional provoca unha sobrecarga constante sobre a outra médica do centro de saúde, repercutindo na calidade asistencial de toda a poboación.

A portavoz municipal denunciou que a situación continúa sen resolverse malia os compromisos anunciados pola Consellaría de Sanidade. “Dixéronnos que no mes de xuño esta praza estaría cuberta, pero a realidade é que seguimos exactamente igual. O servizo continúa prestándose só tres días á semana e sen garantías de estabilidade para a veciñanza”, criticou.

Fernández advertiu tamén das dificultades ás que se enfrontan diariamente os pacientes, que en moitas ocasións non poden solicitar cita nin tramitar receitas a través da aplicación do Sergas debido á falta de ocos dispoñibles e á incerteza sobre os días nos que hai consulta. “Estamos diante dunha situación insostíbel que dificulta o seguimento dos pacientes, atrasa a atención sanitaria e incrementa a presión sobre os profesionais que permanecen no centro”, afirmou.

Pola súa banda, Olalla Rodil asegurou que o BNG continuará levando esta reivindicación ás institucións e esixindo á Xunta de Galiza que garanta unha atención sanitaria pública, de proximidade e en igualdade de condicións para a veciñanza do rural. “Pol merece contar cos mesmos servizos sanitarios que calquera outro concello. A Xunta non pode seguir utilizando escusas mentres deteriora a atención primaria e deixa sen cobertura estable a milleiros de persoas”, concluíu.

0.136883020401