O BNG esixe á Xunta que autorice a terceira unidade de Infantil no CEIP Virxe do Corpiño de Begonte

TerraChaXa
Olalla Rodil: “Está incumprindo a súa propia normativa e prexudicando especialmente o alumnado con necesidades educativas especiais”
manifestacion-virxe-do-corpino-begonte
11 Sep 2026

O BNG vén de presentar no Parlamento galego unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta de Galiza que rectifique a súa decisión respecto do CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño, en Begonte, e autorice unha terceira unidade de Educación Infantil, tal e como lle corresponde ao centro de acordo coa normativa vixente.

A deputada do BNG Olalla Rodil denuncia que a Xefatura Territorial de Educación de Lugo autorizou unicamente dúas unidades mixtas, agrupando alumnado de diferentes niveis, malia que os datos de matrícula e a propia lexislación determinan que o centro debe contar con tres.

No presente curso 2026/2027, o CEIP Virxe do Corpiño conta con 27 estudantes de Educación Infantil. Entre o alumnado hai crianzas con necesidades educativas especiais e grao máximo de dependencia, polo que, aplicando o cómputo establecido no artigo 40.2 da Lei 5/2024, a cifra ascende a efectos de ratio a 29 alumnas e alumnos.

“Non estamos diante dunha petición extraordinaria nin dun privilexio. Estamos reclamando simplemente que a Xunta cumpra a lei que ela mesma aprobou e dote o Virxe do Corpiño dos recursos que lle corresponden”, afirmou Rodil.

“A solución da Xunta é concentrar máis alumnado, de diferentes idades e con necesidades educativas diversas, en menos aulas. Isto dificulta o traballo do profesorado e, sobre todo, empeora a atención educativa que reciben as crianzas”, advertiu Olalla Rodil.

Tanto a dirección do centro como a ANPA trasladaron en reiteradas ocasións á Administración educativa a realidade do Virxe do Corpiño e a necesidade de habilitar esa terceira unidade. Para o BNG, resulta especialmente grave que Educación manteña a súa decisión malia coñecer as circunstancias concretas do alumnado.

“Cando nunha aula hai crianzas con necesidades educativas especiais, reducir recursos e incrementar as ratios vai exactamente na dirección contraria á dunha escola pública inclusiva. A inclusión non pode quedar nun discurso: necesita profesorado, unidades e recursos suficientes”, subliñou Rodil.

Por este motivo, o BNG rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias para coñecer os motivos polos que a Consellaría decidiu autorizar só dúas unidades, esixir explicacións sobre o incumprimento das ratios legais e reclamar a autorización inmediata dunha terceira unidade de Educación Infantil no CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño.

“A Xunta aínda está a tempo de rectificar. O que reclamamos é unha solución inmediata para que o curso se desenvolva coas tres unidades que é o marca a propia lei da Xunta de Galiza”, concluíu Olalla Rodil.

0.14186406135559