O BNG na Deputación apoiou a disolución de Suplusa ao abrirse un tempo novo de servizo á cidadanía

TerraChaXa | LugoXa
Os deputados nacionalistas votaron a favor do inicio do procedemento de disolución da sociedade mercantil, aprobado por unanimidade e consideran que a disolución da entidade abre un tempo novo de servizo á cidadanía.
14 sep 2019

Os deputados nacionalistas votaron a favor do inicio do procedemento de disolución da sociedade mercantil, aprobado por unanimidade e consideran que a disolución da entidade abre un tempo novo de servizo á cidadanía.

O Grupo Provincial do BNG votou a favor do inicio do procedemento de disolución da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo (Suplusa) e da constitución dunha comisión para propor á Corporación un modelo de xestión alternativo.

No pleno provincial, os deputados nacionalistas apoiaron a proposta da Presidencia ao considerar que coa tramitación da disolución da sociedade se “inicia un tempo novo no que a Deputación de Lugo estará ao servizo dos concellos e da cidadanía”.

Na súa intervención plenaria, o voceiro Efrén Castro argumentou que “Suplusa deixou de cumprir as súas funcións, converténdose nunha institución que se rebelou contra a Deputación e que en nada contribuíu á xestión encomendada”.

“Só pola imaxe pública que conseguiron que tivera a sociedade  durante a pasada lexislatura habería que acordar a disolución, por unha cuestión de dignidade”, enfatizou Castro que explicou que a decisión concorda tamén coa posición defendida pola formación nacionalista de avanzar cara a supresión das deputacións.

O deputado sarriao sinalou que “comeza un proceso complexo no que o BNG se guiará polos informes técnicos e xurídicos, defendendo os dereitos das traballadoras e traballadores, como fixo sempre”.

As deputadas Mónica Freire Rancaño, Pilar García Porto e Antonio García López actuarán como persoas liquidadoras da sociedade con carácter mancomunado.

A disolución da sociedade mercantil foi unha das medidas incluídas no pacto de goberno para a lexislatura entre BNG e PSdeG.

0.20689511299133