O BNG pide declarar a alerta por seca en Muras e reclama axudas para as explotacións gandeiras

O BNG de Muras solicitou á Consellería do Medio Rural a declaración da alerta por seca no municipio e a posta en marcha dunha liña de axudas específica para compensar as perdas que, segundo a formación nacionalista, están a sufrir as explotacións gandeiras como consecuencia da falta de precipitacións.
Os nacionalistas consideran que a situación está a afectar especialmente ao sector agrogandeiro, tanto pola escaseza de pastos como polas dificultades para garantir o abastecemento de auga ao gando, e reclaman que a Xunta adopte medidas extraordinarias para minimizar o impacto da seca.
Entre as peticións trasladadas ao Goberno galego figura a creación dun programa de apoio económico destinado ás explotacións afectadas, co obxectivo de paliar os custos derivados desta situación e contribuír á súa viabilidade.
O BNG sostén que a evolución das condicións meteorolóxicas e as consecuencias que está a ter sobre a actividade agraria fan necesario activar mecanismos específicos de apoio para os profesionais do sector.
A formación agarda que a Consellería do Medio Rural dea resposta á solicitude e valore a adopción de medidas que permitan atender as necesidades dos gandeiros e gandeiras do municipio.