O BNG pide que o concurso de transición xusta das Pontes inclúa tamén proxectos que demanden electricidade

TerraChaXa | FerrolXa
Dani Balseiro reclama un posicionamento consensuado do Concello ante a consulta pública aberta polo MITECO, mentres Carmela Franco solicita convocar con urxencia unha comisión antes do 8 de outubro
antenas-electricidade
26 Sep 2026

O BNG das Pontes reclama que o futuro concurso de transición xusta asociado ao nodo da Central non se limite aos proxectos de xeración eléctrica e inclúa tamén iniciativas industriais que demanden electricidade e permitan crear emprego. A petición chega tras a apertura por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) dun período de consulta pública, aberto ata o 8 de outubro, sobre unha posible poxa unitaria para proxectos de xeración en 15 Nodos de Transición Xusta, entre eles o das Pontes.

O concelleiro do BNG Dani Balseiro xa trasladara no último pleno municipal a necesidade de reclamar a celebración dun concurso de transición xusta tamén para os 458 megavatios de capacidade actualmente dispoñibles no nodo da Central para proxectos de demanda. Os nacionalistas consideran que esta capacidade pode representar unha oportunidade para atraer iniciativas industriais que precisen un elevado consumo eléctrico e xeren emprego no municipio.

O BNG lembra que as subestacións eléctricas son os puntos aos que deben conectarse tanto as instalacións que producen ou almacenan electricidade, como os parques eólicos, fotovoltaicos, hidroeléctricas, bombeos reversibles ou baterías, como os proxectos que precisan enerxía para desenvolver a súa actividade, entre eles industrias ou centros de datos.

A formación nacionalista sinala que a capacidade destas infraestruturas é limitada e pode variar en función de se se destina á xeración ou á demanda. Tamén explica que o acceso pode realizarse mediante diferentes procedementos, desde a prelación temporal por orde de solicitude ata concursos ou poxas nos que se teñen en conta criterios adicionais, especialmente nos territorios sometidos a procesos de transición xusta.

No caso das Pontes, o BNG apunta que existen actualmente catro subestacións. Segundo a información facilitada pola formación, as da Mourela e do Tesouro non dispoñen de capacidade dispoñible, mentres que a futura subestación de Maciñeira podería contar con capacidade tanto para demanda como para xeración cando entre en funcionamento, nun escenario optimista non antes de 2030, sen contar cos prazos necesarios para conectar os proxectos. Ademais, os nacionalistas sinalan que o procedemento previsto para acceder á capacidade de Maciñeira sería mediante concurso para a xeración, pero non para a demanda.

Neste contexto, Dani Balseiro considera que os 458 MW dispoñibles actualmente no nodo da Central para proxectos de demanda constitúen unha oportunidade estratéxica. O concelleiro nacionalista destaca especialmente o potencial destes proxectos para a creación de emprego e apunta á escaseza de capacidade dispoñible nos nodos eléctricos para novas iniciativas industriais.

Ante a consulta aberta polo MITECO, o BNG reclama agora que o Concello das Pontes adopte unha posición común para defender os intereses do municipio. A voceira municipal, Carmela Franco, solicitou a convocatoria urxente dunha comisión antes de que remate o prazo de participación, o vindeiro 8 de outubro, co obxectivo de consensuar unha resposta institucional ás propostas que se trasladen ao Ministerio.

A petición enmárcase na proposta de colaboración política formulada polo BNG ao alcalde durante o último pleno municipal e pretende que o Concello presente unha posición conxunta sobre o aproveitamento da capacidade eléctrica dispoñible e a chegada de novos proxectos vinculados á transición xusta.

0.16949796676636