O BNG pide unha actuación urxente para paliar o aumento de vítimas mortais nas estradas

TerraChaXa
O BNG considera moi preocupante o balance de vítimas mortais nas estradas galegas durante  2018, que se salda con 104 persoas falecidas fronte ás 76 de 2017.
9 Xan 2019

O BNG considera moi preocupante o balance de vítimas mortais nas estradas galegas durante  2018, que se salda con 104 persoas falecidas fronte ás 76 de 2017. En palabras do portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, estas cifras reflexan “un enorme drama con grandes custes sociais e tamén económicos que non se pode admitir sen adoptar unha actitude de máxima alerta social e institucional por parte de todas as administracións que teñen competencia na xestión dunha rede viaria, que en Galiza supera os 17.000 quilómetros”.

Para o Bloque o Goberno do Estado, a Xunta e as administracións locais deben desenvolver unha actuación conxunta, coordinada e complementaria, que ten que ser inmediata e contundente para corrixir drasticamente esta elevadísima cifra de vítimas mortais.

E no caso concreto da Xunta, Bará demanda ao Goberno galego que abandone “a actitude de certo conformismo, rutina e mesmo de triunfalismo na que está instalado nos últimos tempos”, porque se ben houbo un descenso positivo nas cifras en 2017 a realidade é que en 2018 houbo un reponte dos accidentes e das vítimas mortais, “e iso require unha actuación urxente e contundente por parte de todas as administracións”.

O Bloque considera que esa actuación debe desenvolverse en tres ámbitos concretos.

En primeiro lugar, mellorar o estado da rede viaria que en Galiza presenta importantes deficiencias e moitas zonas, en segundo lugar eliminar os puntos negros que aínda persisten por todo o país e, en terceiro lugar, levar a cabo unha serie de actuacións en materia de seguridade viaria sobre todo en travesías e nas zonas máis habitadas que protexan aos usuarios máis vulnerables das estradas que son os peóns e os ciclistas.

Finalmente, a formación nacionalista considera necesario materializar unha vella demanda como é a transferencia das competencias en materia de seguridade viaria e tráfico, “unha proposta aprobada xa polo Parlamento galego e finalmente vetada en Madrid que axudaría a desenvolver unha actuación máis eficaz, máis contundente e máis coordinada en materia de tráfico e de seguridade na rede viaria que nos permitiría avanzar na loita contra os accidentes de tráfico e contra a sinistralidade nas estradas”, conclúe Bará.

0.15335202217102