O BNG pide unha comisión informativa urxente para analizar o arrendamento dun inmoble municipal nas Pontes

O BNG das Pontes solicitou a convocatoria urxente dunha comisión informativa para analizar e estudar o expediente relativo ao arrendamento dun inmoble de titularidade municipal situado na parroquia de Espiñaredo.
A petición, prodúcese despois de que o pasado 25 de agosto se publicase no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o anuncio de licitación para adxudicar mediante concurso o arrendamento deste inmoble, aprobado por Resolución da Alcaldía núm. 1633/2026.
Para o BNG, a cuestión vai moito máis alá do simple arrendamento dun inmoble municipal. O espazo no que se sitúa é estratéxico dentro da planificación dos futuros proxectos empresariais que se veñen anunciando para esa área, polo que consideran imprescindible coñecer con detalle cal é a finalidade desta decisión e que consecuencias pode ter sobre o desenvolvemento industrial do municipio.
“Non podemos entender que, por unha banda, se fale continuamente de novos proxectos empresariais e de atraer actividade económica ás Pontes e, pola outra, se poñan en alugueiro espazos que poden ser fundamentais para facer realidade esas iniciativas sen abrir previamente un debate político sobre o seu futuro uso”, sinala a voceira nacionalista.
O BNG considera especialmente necesario analizar tamén as condicións nas que o Concello pretende realizar este arrendamento, xa que non comparte o enfoque proposto polo Goberno municipal e entende que antes de comprometer o uso deste patrimonio municipal debe existir unha planificación clara e coherente coas necesidades futuras do municipio.
“As Pontes non se pode permitir improvisar co seu solo e cos seus espazos estratéxicos. Estamos nun momento no que deberiamos estar planificando con visión de futuro que necesitamos para acoller novas empresas, xerar emprego e diversificar a nosa economía”, apuntan os nacionalistas.
Por este motivo, o BNG reclama que o expediente sexa analizado nunha comisión informativa de carácter urxente, tal e como recolle a solicitude presentada o 3 de setembro, co obxectivo de coñecer todos os detalles da operación e valorar o seu encaixe na planificación dos futuros proxectos empresariais da zona.
Desde o BNG insisten en que o patrimonio municipal debe estar ao servizo do interese xeral e dunha estratexia de futuro para As Pontes, e reclaman ao Goberno local que explique con transparencia cal é a súa planificación para este espazo antes de tomar decisións que poidan condicionar as posibilidades de desenvolvemento industrial do municipio e eximir a Endesa das súas responsabilidades para con As Pontes.
CONTESTACIÓN DO GOBERNO LOCAL
O equipo de Goberno local acusou á formación nacionalista de tentar dificultar a creación de emprego e o desenvolvemento de novos proxectos empresariais no municipio.
“Os do NON, como sempre, tratando de dificultar a creación de emprego e poñendo trabas ás empresas que queren instalarse e medrar nas Pontes”, reprocha ao BNG levar “20 anos dificultando o desenvolvemento industrial” e opoñéndose, segundo afirma, “a todo aquilo que supón progreso para a nosa vila”.
O Executivo local explica que neste caso se trata de empresas dos ámbitos industrial e loxístico que xa están instaladas nas Pontes e que teñen necesidades de crecemento. Segundo din, a licitación pretende precisamente dar resposta a estas demandas e facilitar a ampliación da súa actividade.
Ademais, subliña que se trata dun procedemento aberto ao que poderá concorrer calquera empresa que cumpra os requisitos establecidos. O obxectivo, asegura, é “facilitar a actividade empresarial e favorecer a creación de emprego nas Pontes”.
Por este motivo, o Goberno galego reclama ao BNG que “deixe de intentar bloquear e torpedear os proxectos empresariais e industriais e a xeración de emprego nas Pontes”.