O BNG propón levar a rede de saneamento a todos os núcleos de Outeiro de Rei
O voceiro do BNG no concello de Outeiro de Rei, Xosé Ferreiro, anunciou a presentación dunha iniciativa para ser tratada no vindeiro Pleno da corporación pedindo a elaboración dun estudo e dun plano plurianual para que de forma continua e gradual se vaia acometendo a construción dunha rede de saneamento en todos os núcleos habitados do concello. Ferreiro dixo que “a instalación dunha rede de saneamento para todo o concello ten que abordarse en varios anos e co apoio de varias administracións” e engadiu “estaremos vixiantes para que, á hora de acometer a obra, se usen parámetros de priorización totalmente obxectivos.”
Ferreiro explicou que “a realidade de Outeiro de Rei é moi clara, practicamente o saneamento só existe nas zonas urbanas e nas urbanización, sendo este un servizo practicamente inexistente na maioría dos núcleos de poboación rural existentes no resto do concello”. A falta deste servizo prodúcese incluso naqueles lugares onde sería sinxelo a súa construción así como doado o seu mantemento. “Dende o BNG non estamos dispostos a resignarnos a esta situación” concluiu o voceiro nacionalista.
Xosé Ferreiro apuntou que “noutros concellos da contorna si se está a facer un esforzo por estender este vital servizo, cremos que en Outeiro tamén se tería que facer, máxime cando os ingresos do concello non fan máis que aumentar o resto de servizos seguen a minguar” e sinalou “somos conscentes de que isto non se pode facer dun día para outro, nin tampouco acometer o saneamento do concello ao mesmo tempo. Pero o que si se pode facer é ter un estudo do que sería necesario facer, dos seus custes e das prioridades obxectivas á hora de temporizar a súa realización”.
Sobre a implicación da Xunta
A Xunta de Galicia está a levar a cabo campañas publicitarias, baixo o lema “RURALÍZATE” encamiñada a que persoas do ámbito urbano se vaian vivir aos pobos rurais. Para o BNG resulta “bastante evidente que por moitos carteis publicitarios que se poñan, por moita propaganda que se faga, se no ámbito rural se seguen a recortar os servizos básicos, tal e como leva facendo a Xunta dende hai varios anos, se se segue a levar a cabo unha política de demolicións dos sectores produtivos baseados nos nosos recursos ou se deixa que ardan os nosos pobos por aforrar uns euros ou por pura incompetencia, estas campañas serán mera propaganda sen ningún tipo de efecto práctico”. “Se a Xunta quere apoiar realmente a quen vive no rural, debe afrontar os problemas verdadeiros de quen vive no rural e aportar fondos para o saneamento” dixo Ferreiro.