O BNG reclama a atención pediátrica para Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei

TerraChaXa | LugoXa
O BNG pide atención pediátrica para Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei e o PP responsabiliza ao goberno central da falta de pediatras
atencion medico pediatra
atencion medico pediatra
15 Xul 2023

A deputada do BNG, Carme Aira levou hoxe de novo ao Parlamento galego as deficiencias da Atención Primaria na Provincia de Lugo e concretamente ás dos consultorios de Castro en Carballedo, Baamonde, Castro de Rei e Parga pechados así como a falta de facultativos en Castro Riberas de Lea, Baleira, Pantón e de pediatría en Vilalba, Monterroso ou Monforte... “sen que se resolvera en ningún momento e despois de anos de déficits”.

A deputada do BNG explicou que os concellos mencionados son moi extensos e cunha poboación envellecida afectada de patoloxías que precisan atención sanitaria nos domicilios pero isto, dixo, non é posible ante a falta de persoal e a saturación.

Sen servizo de pediatría no rural

Por outra banda, dixo, os 3 concellos afectados, Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei, están a 30 e 11 km de distancia da capital da provincia, e contan con 5.000 habitantes e cunha importante redución da poboación que conleva a perda de financiamento, polo que “colocarse por riba dos 5.000 habitantes pode ser vital para eles”, e o feito de non ter un servizo normalizado de pediatría condiciona ás familias á hora de empadroarse. De feito, moitas delas, recoñecen que non se atreven a deixar Lugo para ter garantida a asistencia pediátrica por parte dun especialista.

Nunca nos atreveriamos a discutir se un médico de familia ten a capacidade para unha atención pediátrica de calidade e lamentablemente os médicos de familia tamén escasean o que provoca listas de espera para acceder ás consulta. Aínda que consideramos que están moi capacitados, non deixan de seren especialistas noutras disciplinas , “non en pediatría”. Esta circunstancia levou a un gran número de nais e pais a reclamar “o dereito da mellor atención posible para os fillos e fillas” e en todo caso, “en igualdade con outras nenas e nenos do seu entorno”, porque estas nais e país, afirmou Carme Aira, pagan impostos en igualdade de condicións coas pais e nais de Lugo polo tanto, é moi lexítimo que reivindiquen unha asistencia de calidade ao mesmo nivel.

Na súa intervención, destacou a capacidade que a enfermería pediátrica ten para abordar os coidados das criaturas en idade infantil, pero “unha enfermeira pediátrica non é un servizo de pediatría”, denunciou e xa non vale facer trampas como o ano pasado que anunciaron que Outeiro de Rei contaría con asistencia pediátrica a tempo completo pero o que ía ter era pediatra un día á semana e enfermeira pediátrica tódolos días. “Ambas especialidades son importantes e complementarias e realizan traballo autónomo, pero non serven para intercambiar competencias”, sentenciou a deputada.

Non se trata pois da calidade dos profesionais, trátase da “calidade do sistema e das políticas sanitarias” que se deseñan e implementan para dar resposta ás necesidades da poboación.

“Os tres concellos compartían unha pediatra, 2 días en Cospeito que ten 317 crianzas, 2 en Castro de Rei con con 469 e 1, o venres en Outeiro con 579, un total de 1.365 nenos e nenas que se ven “sen atención médica pediátrica con demasiada frecuencia”, o único que pedimos é que as persoas que fan a súa vida nestes concellos teñan un ou unha médica especialista á que levar ás súas rapazas e rapaces e por suposto que teñan tamén unha enfermeira especialista en pediatría, así como enfermeiras xeralistas, especialistas en Familia e Comunitaria e por que non especialista en xeriatría... que boa falta faría no rural galego con medias de idade ben elevadas na maioría deles, “recalcou a nacionalista”.

Tras a intervención da portavoz popular, Encarnación Amigo que responsabilizou ao goberno do Estado da falta de pediatras, a deputada do BNG lamentou que a Xunta e o Goberno central continúen botando balóns fóra e “miren para outro lado” cando estamos a reclamar asistencia pediátrica en igualdade de condicións para os nenos e nenas dos concellos de Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei así como unha asistencia sanitaria de calidade e en igualdade de condicións.

Carme Aira afirmou que os nenos e nenas son “o futuro do país” e neste caso, nos concellos de Lugo son “o futuro do noso rural”.

O Partido popular impediu que a iniciativa nacionalista prosperara para dotar de pediatras os consellos de Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei.

0.19176888465881