O BNG reclama a "exclusión" do partido nacionalista da Mesa polas Pontes
Na semana pasada comezaba a chegar a convocatoria da denominada como Mesa para o Impulso da Actividade Económica das Pontes, que a Consellaría de Industria enviou ás Organizacións Sindicais, Endesa, Instituto de Transición Xusta, Asociacións de Empresarios e Comerciantes e ao Concello, para tratar do estado de tramitación dos proxectos industriais, do proceso de desmantelamento da central e do calendario e Plan de emprego e formación de Endesa.
Non tendo información algunha do Concello, o Grupo Político Municipal do BNG reclamou ao alcalde, por escrito, que “desenvolvera as xestións necesarias que garantan a participación” do Grupo, “como vén sendo habitual nas convocatorias feitas pola Consellaría” dende a solicitude de peche da Central por parte de Endesa a finais de 2019.
O luns recibiron un correo da Consellaría convocando ao BNG á reunión do martes ás 12 horas, pregando confirmación da asistencia, o que foi comunicado sinalando a persoa que asistiría na nosa representación. "Pois ben, ás 16:20 fomos desconvocadas pola Consellaría, mediante correo electrónico, xa que o Concello queda institucionalmente representado polo seu alcalde, quen ten o compromiso de trasladarlles inmediatamente o tratado na dita Mesa a todos os grupos municipais, ademais de desculparse polo erro involuntario, xa que existía un acordo previo entre a Conselleira e o alcalde para a non participación do BNG.
"A quen preocupa e molesta a nosa participación para excluírnos logo de ter demostrada a nosa colaboración, activa e propositiva, dende 2019? No momento crítico no que se encontra As Pontes, agravado pola situación de empresas locais cun volume de emprego moi importante, como o caso de Einsa, non é o momento de vetos e exclusións", indican.