O BNG reclama ao alcalde das Pontes un compromiso na celebración do Concurso de Transición Xusta

TerraChaXa | FerrolXa
O novo concelleiro do BNG, Dani Balseiro, evidenciou a necesidade crítica de subministración eléctrica para case que a totalidade dos proxectos anunciados e en tramitación dende vai 4 anos
antenas-electricidade
19 Sep 2026

Coincidindo coa súa toma de posesión como novo concelleiro do BNG nas Pontes, Dani Balseiro trasladou ao resto da Corporación, incluído o alcalde, a relevante información publicada en setembro por Rede Eléctrica sobre da capacidade dispoñible na subestación da Central, que ascende aos 458 MW para proxectos de demanda ou consumo e para os de almacenamento.

O novo edil comunicou a valoración positiva do BNG das Pontes sobre do inicio dos longos trámites da nova subestación de Maciñeira, situada no Raque preto da última fase do polígono de Penapurreira, e das súas liñas de alta de conexión coa rede de transporte preto da Pena da Revolta, duns 6 km, e coa nova subestación de Naraío, duns 19 km; tamén valorou no mesmo sentido a próxima convocatoria anunciada do Concurso de Transición Xusta para os 400 MW que a subestación de Maciñeira aportará cando inicie a súa actividade.

Evidenciada no Pleno, tamén pola intervención do propio Alcalde, a necesidade crítica de subministración eléctrica para case que a totalidade dos proxectos anunciados e en tramitación dende vai 4 anos, dos que só un tería garantido o acceso a 18 MW nunha conexión coa subestación do Tesouro, e logo de facer un repaso, xunto co Alcalde, dos prazos fixados polos proxectos técnicos das infraestruturas eléctricas comentadas, que, nun escenario optimista, poderían entrar en servizo non antes de 2030, Dani Balseiro enunciou a posición do BNG da necesidade urxente de demandar tamén a celebración do Concurso de Transición Xusta do nodo da Central, cando menos polos 458 MW dispoñibles xa, sen necesidade de esperar polos anos precisos para a tramitación e execución da nova subestación de Maciñeira e das súas liñas de conexión.

“Sen subministro non hai proxectos; pois o subministro está e a infraestrutura tamén ... Quen se queira presentar, que se presente e traia emprego”, remataba a súa intervención o concelleiro do BNG, para afirmar que “só é necesaria vontade política”, a mesma que comprometeu o concurso, a mesma que fixo desaparecer os 1400 MW, e a mesma que agora libera 458 MW, que, para o BNG, deben saír a concurso.

O representante nacionalista ofreceu a colaboración política da súa organización ao Alcalde, quen deu por rematado o Pleno.

0.14592909812927