O BNG salienta o "estado de abandono" no que se atopa o colexio de Pol

O Bloque Nacionalista Galego denuncia o grave estado de deterioro no que se atopa o CEIP Rosalía de Castro de Pol e reclama á Xunta de Galiza unha intervención inmediata que garanta unhas instalacións educativas dignas, seguras e accesibles para todo o alumnado.
A deputada do BNG no Parlamento galego, Montse Valcárcel, visitou o pasado 9 de outubro o centro educativo, onde puido comprobar de primeira man as numerosas deficiencias que presenta o edificio, entre elas a caída de lousas da cuberta, goteiras, canalóns deteriorados, fiestras en mal estado e instalacións eléctricas que non reúnen as condicións de seguridade necesarias para un centro no que estudan crianzas de curta idade.
A estas deficiencias súmase a existencia de importantes barreiras arquitectónicas e a ausencia de ascensor, que dificultan a mobilidade polo edificio do alumnado e do persoal docente con mobilidade reducida.
Valcárcel cualificou a situación de "absolutamente inaceptable para un colexio público en pleno 2026" e criticou a falta de investimentos da Consellería de Educación. "Estamos falando dun centro no que caen as lousas do tellado, entra a auga e existen barreiras arquitectónicas que impiden garantir a accesibilidade. Non son cuestións menores nin melloras estéticas, son condicións básicas de seguridade e dignidade que a Xunta ten a obriga de garantir", afirmou.
A deputada nacionalista tamén cuestionou as actuacións parciais realizadas pola administración autonómica, como a substitución das fiestras dunha única aula cando o deterioro afecta ao conxunto do centro. "Non abonda con cambiar catro fiestras e dar por solucionado o problema. O que precisa este colexio é unha actuación integral, planificada e cun investimento suficiente para resolver todas as deficiencias", sinalou.
O BNG denuncia que o abandono das infraestruturas educativas tamén se estende ás paradas do transporte escolar. En lugares como Susá, Ríoxoán ou Cirio, as marquesiñas presentan un importante deterioro e non ofrecen unha protección adecuada fronte á choiva e ao frío.
"É inadmisible que as crianzas teñan que agardar polo autobús escolar á intemperie, soportando as condicións meteorolóxicas do inverno lucense. A Xunta ten que entender que vivir no rural non pode significar ter menos dereitos nin peores servizos públicos", subliñou Montse Valcárcel.
A situación chegou a tal punto que a Asociación de Nais e Pais do Alumnado (ANPA) tivo que acudir á Valedora do Pobo para reclamar solucións.
Para a deputada do BNG, "cando as familias se ven obrigadas a recorrer á Valedora do Pobo para conseguir algo tan básico como un colexio seguro e unhas paradas de autobús en condicións, queda en evidencia o fracaso da Xunta na súa responsabilidade de manter os centros educativos públicos".
Ante esta situación, o BNG trasladou ao Parlamento galego as deficiencias detectadas e reclama á Consellería de Educación que concrete as actuacións previstas, os prazos de execución e o orzamento que destinará á rehabilitación do CEIP Rosalía de Castro e á mellora das marquesiñas do transporte escolar.
Montse Valcárcel insistiu en que "a igualdade de oportunidades comeza por garantir que todas as crianzas, vivan onde vivan, poidan estudar nunhas instalacións dignas, seguras e accesibles".
"O alumnado de Pol non é de segunda categoría. Non pode ser que a Xunta fale constantemente de apostar polo rural mentres permite que os seus centros educativos se deterioren ano tras ano. Defender o rural tamén é investir nos seus colexios, garantir os servizos públicos e atender as demandas das familias", afirmou.
Finalmente, a deputada nacionalista asegurou que o BNG continuará reclamando solucións ata que a Xunta asuma as súas responsabilidades. "Non queremos máis parches nin promesas. Queremos compromisos concretos, partidas orzamentarias e datas de execución. As crianzas de Pol merecen un colexio en condicións e non imos deixar de insistir ata conseguilo", concluíu.