O Buriz pon data á súa tradicional festa do magosto

A localidade do Buriz, en Guitiriz, prepárase para celebrar o seu tradicional magosto o vindeiro 7 de novembro cunha xornada chea de actividades infantís, gastronomía, música e diversión para todos os públicos.
A programación arrancará ás 17.00 horas con propostas para os máis pequenos da man de Larilandia, que incluirán globoflexia, xogos, música e unha merenda para que os nenos e nenas desfruten dunha tarde chea de entretemento.
Xa a partir das 21.00 horas, chegará a quenda da comida, na que os asistentes poderán degustar de balde liscos, chourizos e castañas. Ao mesmo tempo, DJ Magick será o encargado de poñer ritmo á celebración cunha sesión musical para animar a noite.
Deste xeito, O Buriz convida a toda a veciñanza a sumarse a esta festa popular e desfrutar dunha xornada de convivencia arredor dunha das tradicións máis arraigadas do outono galego.