O CD Castro organiza o primeiro Cuadrangular de fútbol Vila de Castro

O campo de fútbol Arturo Pereiro de Castro de Rei acollerá o vindeiro sábado 5 a primeira edición do Cuadrangular Vila de Castro, unha cita deportiva que reunirá catro equipos nunha xornada dedicada ao fútbol.
No torneo participarán o CD Castro, a UD Pastoricense, o CF Celta Barreiros e o SD Pol B, que competirán polo título desta primeira edición do cuadrangular.
A competición dará comezo ás 11.15 horas, coa disputa das semifinais. Posteriormente, ás 12.30 horas, celebraranse a final e o encontro polo terceiro e cuarto posto, que determinarán a clasificación definitiva do torneo.
Os partidos disputaranse nas instalacións do campo Arturo Pereiro, tanto no terreo de xogo principal como no anexo.
O I Cuadrangular Vila de Castro preséntase así como unha nova proposta deportiva para o municipio, cunha mañá dedicada ao fútbol e coa participación de equipos da contorna.