O campo de fútbol do parque empresarial de Outeiro de Rei incorpora novas melloras

O campo de fútbol do parque empresarial de Outeiro de Rei conta con novas melloras tras unha actuación financiada pola Xunta de Galicia con 95.000 euros a través de dúas liñas de apoio ás entidades locais. Os traballos permitiron actuar sobre as bancadas para mellorar a súa eficiencia enerxética e incorporar un novo espazo cuberto destinado a prestar servizo de restauración a deportistas e público.
Unha parte do investimento, de 60.000 euros, destinouse á mellora da eficiencia enerxética das bancadas a través do Fondo de Cooperación Local de 2025. A actuación incluíu a instalación dunha cuberta metálica inclinada con luminarias de baixo consumo, que proporciona maior protección fronte á choiva e outras condicións meteorolóxicas e mellora o confort das persoas usuarias.
A nova cuberta conta ademais con illamento para evitar condensacións e incorpora un sistema de evacuación da auga da chuvia mediante un canalón situado na parte posterior.
Os outros 35.000 euros corresponden á Orde de infraestruturas de uso público deste ano e permitiron construír un espazo semicerrado e cuberto equipado cunha barra, pensado para ofrecer servizo de restauración tanto aos deportistas como ás persoas que acudan ás instalacións. O novo equipamento dispón tamén dun pequeno almacén.
A actuación busca reforzar así as prestacións deste espazo deportivo e mellorar as condicións de uso tanto para as persoas que practican deporte como para o público asistente.
Apoios da Xunta aos concellos
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, comprobaron o resultado das actuacións durante unha visita ás instalacións.
Prieto destacou que estas liñas de apoio pretenden atender as necesidades dos municipios de menor poboación e contribuír a garantir a calidade dos servizos municipais con independencia do lugar de residencia.
A directora xeral lembrou tamén outras vías de financiamento para os concellos, entre elas o Fondo de Compensación Ambiental, dotado con máis de 11,4 millóns de euros; a liña do Fondo de Cooperación Local para proxectos estratéxicos, con 10 millóns; e as novas axudas para a adquisición de vehículos e maquinaria destinados á prevención de incendios forestais, cunha dotación superior ao millón de euros. O Fondo de Cooperación Local alcanza este ano os 187 millóns de euros, un 12 % máis que en 2025.
No caso de Outeiro de Rei, as distintas liñas de apoio autonómico permitiron mobilizar nos últimos anos preto de 1,4 millóns de euros en diferentes proxectos. Entre as actuacións máis recentes figuran tamén as melloras de eficiencia enerxética na casa consistorial e no punto de atención continuada, cunha achega autonómica superior aos 54.000 euros.