O campo galego reclama cambios no novo Plan de Abonado para adaptalo ao minifundio

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
O sector reclama máis exencións, asesoramento público gratuíto e unha ferramenta conectada co SIGPAC para facer viables as novas obrigas de fertilización
gandeiro-vacas
6 Sep 2026

A entrada en vigor do novo Plan de Abonado está a xerar preocupación entre parte do sector agrogandeiro galego. Desde o 1 de setembro, a normativa estatal establece con carácter xeral a obriga de elaborar e aplicar un plan de abonado nas explotacións, aínda que contempla determinadas excepcións segundo o tipo e o tamaño da unidade de produción.

O colectivo de gandeiras e gandeiros de Galicia que difunde unha reivindicación na que asegura que apoia os obxectivos de protección dos solos e das augas, pero considera que a aplicación das novas obrigas debe adaptarse mellor á realidade do campo galego.

Un dos principais argumentos esgrimidos é a elevada fragmentación da superficie agraria. Segundo os datos achegados polo colectivo a partir da información do FEGA, na campaña da PAC de 2025 declararonse en Galicia 1.240.640 parcelas, repartidas entre unhas 22.100 explotacións. Isto supón unha media de 56 parcelas por explotación.

Para o sector, esta particularidade fai que a elaboración dos plans, as análises dos solos e o mantemento dos rexistros poidan supoñer unha carga administrativa e económica especialmente elevada. A dispersión das parcelas obriga, segundo explican, a multiplicar os trámites respecto doutros modelos de explotación de maior dimensión.

A normativa xa introduciu algunhas excepcións e modificacións para facilitar a súa aplicación. Entre elas figuran determinados pastos que non son fertilizados e pequenas explotacións de secaño ou destinadas a pastos e cultivos forraxeiros para autoconsumo. O colectivo considera positivos estes cambios, pero reclama que se amplíen os limiares de exención.

Outra das súas principais peticións céntrase no asesoramento técnico. A normativa prevé que este sexa obrigatorio a partir de 2027 nas zonas vulnerables e de 2028 no resto das superficies. Os gandeiros reclaman que este servizo sexa prestado pola Administración de forma gratuíta e tamén presencial.

O colectivo pide ademais que a ferramenta gratuíta para calcular os plans de abonado estea integrada co SIGPAC e co Rexistro de Explotacións Agrarias. O obxectivo sería evitar que os produtores teñan que introducir manualmente a información de cada unha das parcelas que forman parte das súas explotacións.

Por último, reclaman unha moratoria das sancións mentres non estean plenamente operativas as ferramentas de apoio e as guías necesarias para realizar as análises e elaborar correctamente os plans.

A súa posición, segundo trasladan, non cuestiona a necesidade de avanzar cara a unha fertilización máis sostible. O que solicitan é que as novas obrigas teñan en conta a especial fragmentación do territorio galego e conten con medios públicos suficientes para que o seu cumprimento sexa asumible polas pequenas explotacións.

0.15513706207275