O campo municipal de Pol acollerá dous amigables do CD Lugo durante a pretempada

Pol
LugoXa | TerraChaXa
A pretempada pecharase o 21 de agosto no estadio Anxo Carro cun amigable ante o Ourense CF, que servirá como presentación oficial do equipo diante da súa afección
campo-de-futbol-municipal-de-pol
24 Jul 2026

O campo municipal de Pol volverá ser un dos escenarios da pretempada do CD Lugo, que disputará nas instalacións lucenses dous dos sete encontros amigables programados antes do inicio da tempada 2026/27.

O primeiro deles celebrarase o este sábado, 25 de xullo, ás 19.00 horas, e enfrontará ao conxunto albivermello co RC Celta Fortuna. Será a primeira proba do equipo lucense despois do inicio dos adestramentos e permitirá comezar a avaliar o traballo realizado durante as primeiras semanas de preparación.

A segunda cita en Pol terá lugar o 1 de agosto, tamén ás 19.00 horas, cando o CD Lugo se mida ao RC Deportivo Fabril. Este será o terceiro compromiso da pretempada para os lucenses e unha nova oportunidade para continuar coa posta a punto antes do comezo da competición oficial.

O club albivermello iniciou a súa preparación o pasado 13 de xullo coas probas médicas e físicas, antes de dar paso aos adestramentos sobre o céspede. En total, o equipo disputará sete encontros amigables durante o verán para chegar nas mellores condicións ao inicio da liga.

Tras os partidos de Pol, o conxunto lucense continuará a súa preparación con encontros fronte ao RC Deportivo no Trofeo Concello de Vilalba, o Real Oviedo Vetusta no Trofeo Feiraco, o Bergantiños FC e o Coruxo FC no Trofeo Vila de Foz.

A pretempada pecharase o 21 de agosto no estadio Anxo Carro cun amigable ante o Ourense CF, que servirá como presentación oficial do equipo diante da súa afección antes do comezo da nova campaña ligueira.

0.1211850643158