O can do Barreiro

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
A psicoloxía da man de Noelia Yáñez que nos leva á interiorización do ser humano, os seus sentimentos e todo o que o rodea.
Noelia castro
11 Nov 2022

Noelia Castro Yáñez

É ben certo iso de que o mundo que coñecemos se acaba. Estudiamos na escola a desruralización na meirante parte da Galicia profunda, e da que non o é, pois tamén, para que imos a enganarnos. Escoito a Rodrigo Cortés na radio dicir que non ten unha opinión formada do noventa por cento dos temas de actualidade e que tampouco aspira a tela, nin ten inquedanza ningunha por amosarse dun lado ou do outro nos debates frecuentas desta prensa que existe agora. El, que define tanto e tanto ben en Verbolario, coido que exemplifica o que é ser un home prudente. Eu, pola miña banda, que máis que definir aplico fórmulas ou as demostro, ás veces obrígome a formarme sobre certos temas, para non perder o contacto coa actualidade e moito menos, coas letras. Pero nisto, nisto vou a facer como se me presupón por ser galega. Porque de casta lle vén ao galgo, e que non se saiba se vou ou veño, malia que se me note.

Criada nunha taberna da aldea, estiven máis dunha semana cabreada coa idea de que meus pais mercaran un piso. E por máis que pasen os anos, só confirmo que o meu lugar está aquí. Nunha casiña da aldea. O meu segundo momento favorito do día é cando esperto e baixo debruzarme ao muro en M. e vela mañanciña levantando por riba dos Farillóns. Prométovos que aínda hai sitios onde as chaves dos coches quedan postas no contacto cos coches aparcados na eira. E casas despechadas todo o ano. Dicídeme agora que non me entendedes. Igual ca eu respeto e admiro ás miñas amigas máis cosmopolitas, eu tamén teño as miñas razóns de peso para non querer marchar daquí. Entre columna e columna, vin pola rúa a un profesor de Galego deses que quedan para sempre, coido que orgulloso por deixar unha pegada na miña escrita, dixo que axiña recoñecera as miñas colaboracións, porque seguía a manter a mesma esencia daqueles traballos que lle entregabamos cando eramos noviños. Fíxome a muller máis feliz da volta, como diría C. desde Ferroltera ata Ribadeo. Un home embebido de coñecementos, cunha rutina rigurosa de prensa que o obriga a ler ata nove ou dez xornais para coñecer distintos puntos de vista e así ter unha opinión sólida sobre o que le. Como para non poñerme contenta que se acordase de min, non sei que foi o que me fixo máis ilusión: que me dixese que seguía a escribir desde o mesmiño lugar do corazón que o facía cando era cativa, ou a nosa recén descuberta animadversión polos artigos de Reverte.

Este mes na aldea pasou algo que desencadenou toda esta carraxe. Temos un can, así, en plural, porque na aldea, os cans non son coma no resto dos sitios, un can non é máis teu ca meu porque ti o leves nun bolso facela compra. Imos a chamarlle B., pois a B. tróuxoo para á aldea unha vella, como sinónimo de señora, pero acáelle mellor o termo de vella. Unha vella que agora non mira dela, como para atender dalguén máis. Pois a B. pasou a atendelo M., lavalo acotío, deixarlle a comida no mesmo sitio, saír ao amencer pasear con el e máis co seu can, facerlle todas esas cousas que precisa un can vaia, coma querelo e deixarse querer. O mesmo na casa de I., e así na de todos os veciños. Mesmo foi conmigo de excursión a Foz, porque o seu pelo precisaba de coidados profesionais, e así o fixemos. B. é un can feliz, atendido, pero é o can de todos, porque é un can da aldea, el mora onde quere, e para onde lle parece. Esto non lle pareceu ben aos membros dunha protectora a onde tivemos que ir recollelo. Preguntábanme polo dono, pero cando cheguei con el de volta, I. díxome de facer unha lista cos nomes de todas as casas, porque o certo é que non é mais dun ca doutro, porque todos o queremos o mesmo de moito. Coido que neste mundo que vivimos é todo tan susceptible de parecer mal, que xa non se pode nin ser un can da aldea.

0.087571144104004