O Castro de Viladonga organiza un obradoiro sobre as propiedades das plantas na época castrexa

O Museo do Castro de Viladonga acollerá o vindeiro 22 de novembro o obradoiro Botica no Castro de Viladonga, unha proposta centrada na relación que as sociedades que habitaron os castros mantiñan coa paisaxe e cos recursos naturais da súa contorna.
A actividade desenvolverase entre as 11.00 e as 14.00 horas e estará dirixida por Lola Tourón. Durante a sesión abordaranse os diferentes aproveitamentos que estas comunidades podían facer das plantas, desde a recollida de landras e a obtención de leña ata o uso de materias primas para actividades como a cestería, o tecido, a elaboración de tintes, a fundición ou a construción.
O obradoiro tamén afondará nas propiedades das plantas e nos seus posibles usos, co obxectivo de descubrir especies silvestres que puideron existir no territorio durante a Idade do Ferro e a época galaico-romana.
As persoas interesadas en participar deberán realizar unha inscrición previa no teléfono 982 870 160. As prazas asignaranse por rigorosa orde de inscrición.