O CD Castro destitúe a Rafa Casanova polos malos resultados

TerraChaXa | LugoXa
O CD de Castro anunciou a pasada noite a destitución de Rafa Casanova como técnico do primeiro equipo debido aos malos resultados do equipo, que se atopa a un paso do descenso.
28 Feb 2024

O CD de Castro anunciou a pasada noite a destitución de Rafa Casanova como técnico do primeiro equipo debido aos malos resultados do equipo, que se atopa a un paso do descenso.

Rafa Casanova ocupou a dirección do equipo chairego no mes de xaneiro do ano pasado, despois do anuncio da dimisión de Juan Peón "por motivos persoais".

Casanova, que chegou ao club despois de ser cesado nas Pontes tamén por malos resultados, recolleu ao club na sexta posición da táboa e levouno ao ascenso a Preferente.

Este ano o equipo disputou 23 partidos, cun cómputo global de 12 derrotas, 7 vitorias e 4 empates. Foi precisamente a xeira de derrotas desde que comezou o ano o que levou ao club a tomar a decisión.

"Hai decisións que son moi difíciles de tomar e depurar responsabilidades é unha das partes menos agradecidas do deporte e máis neste caso, porque Rafa é unha persoa comprometida, traballadora, disciplinada e baixo a súa dirección acadamos o tan ansiado ascenso a Preferente", explicaron no club. Agradeceron o compromiso e traballo realizado "que foi moito e bo" e anunciaron que "toca buscar alternativas á mala xeira de resultados e iso pasa por buscar un novo impulso e unha nova dirección".

0.14932703971863