O CEIP de Xermade acolle un contacontos teatralizado en homenaxe ás mulleres transmisoras da tradición oral galega

TerraChaXa
A actividade xorde arredor da historia de Rosa, unha nena que atopa no faiado da casa a pandeireta da súa avoa
letras-galegas-xermade
13 May 2025

Este xoves 15 de maio ás 11:00 horas, o CEIP Plurilingüe de Xermade acollerá unha función escolar moi especial: un contacontos teatralizado que afonda na tradición oral galega a través das voces das mulleres.

A actividade xorde arredor da historia de Rosa, unha nena que atopa no faiado da casa a pandeireta da súa avoa. A partir deste descubrimento, Rosa mergúllase nunha viaxe pola música e as cantigas tradicionais galegas, guiada pola memoria da súa avoa e das súas amigas. Este contacontos busca poñer en valor o papel das mulleres na transmisión da tradición oral, da historia e da cultura popular galega.

O evento enmárcase na decisión da Real Academia Galega (RAG) de dedicar o Día das Letras Galegas 2025 a sete cantareiras galegas. A través delas, recoñécese a importancia da poesía popular galega interpretada por estas mulleres e o valor da lírica oral, anónima e colectiva, aprendida escoitando, cantando, traballando e gozando da vida comunitaria.

Desde o Concello de Xermade, súmanse a esta homenaxe cunha actividade en clave feminina que reivindica a contribución das mulleres á cultura galega. O contacontos teatralizado será un tributo ás voces anónimas que conservaron e transmitiron a nosa identidade cultural de xeración en xeración.

⚙ Configurar cookies
0.16164112091064