O CEIP de Xermade incorpora o servizo de Madrugadores grazas a unha achega municipal

O servizo de madrugadores do CEIP Plurilingüe de Xermade xa está en funcionamento desde comezos de ano, tras ser aprobado no primeiro pleno ordinario de 2026, celebrado pola Corporación municipal, unha achega municipal. O servizo iniciou a súa actividade con catro usuarios, aínda que desde o goberno local agárdase que a cifra aumente a medida que as familias coñezan a súa existencia.
O alcalde de Xermade, Roberto García, explicou que se trata dun servizo moi demandado polas nais e pais do alumnado e que a súa posta en marcha responde directamente a unha petición trasladada pola ANPA do centro. Os usuarios deberán asumir unha porcentaxe do custo do servizo, mentres que o Concello colabora no seu financiamento a través dunha subvención nominativa.
A creación deste servizo foi abordada no pleno a través dunha proposta de incremento da subvención destinada á Asociación de Nais e Pais do CEIP Plurilingüe de Xermade, que pasou de 500 a 1.500 euros. Esta medida contou co voto en contra do grupo municipal do Partido Popular.
Na mesma sesión plenaria tamén se aprobaron dúas bonificacións do 95 % no Imposto de Construcións, Instalacións e Obras a favor de dúas explotacións gandeiras do municipio, incluídas na parte resolutiva da orde do día. O pleno supuxo así o inicio da actividade ordinaria da Corporación municipal no ano 2026, con acordos centrados tanto no apoio ao sector primario como na conciliación familiar e educativa.
A RESPOSTA DOS POPULARES
Os concelleiros do PP lamentan que “o goberno local socialista non asuma o servizo de Madrugadores” e derive á ANPA do colexio a responsabilidade de organizar e ofrecer "un servizo moi demandado no municipio".
Así, condenaron a “falta de traballo, de previsión e de organización” por parte do goberno socialista porque “fai dous meses presumía de orzamentos e no primeiro mes do ano xa propoñen modificalos” para ter como pagar á ANPA, en lugar de ofrecer o servizo directamente o Concello.
“A falta de interese do goberno socialista por prestar este servizo que dende o Partido Popular demandamos dende o inicio do curso escolar é evidente”, toda vez que “nin tiñan previsto prestar o servizo directamente nin reservaron fondos para contribuír a sufragar os gastos baixo a organización de ningunha outra entidade”.