O CEIP Insua Bermúdez convoca o concurso escolar Benxamín Paz

O CEIP Antonio Insua Bermúdez de Vilalba vén de convocar a XXVII edición do Certame Literario Benxamín Paz de narrativa, poesía e debuxo ao que está invitado a participar todo o alumnado de Educación Infantil e de Primaria pertencente a centros educativos do concello de Vilalba.
Establécense tres modalidades, poesía e narrativa para Educación Primaria, e debuxo, para Educación Infantil e primeiro ciclo de primaria. Ademais, haberá unha categoría para alumnado con Necesidades Especiais de modalidade libre.
Os traballos de poesía e narrativa, de temática libre, estarán escritos en lingua galega conforme á normativa vixente. Os textos deberán ser inéditos e totalmente orixinais. Cada participante pode presentar un único traballo. Poderán presentarse a ordenador ou manuscritos, en papel DIN A-4, por unha soa cara.
Os debuxos presentaranse en cartolina con formato DIN A-4. Poderá empregarse calquera técnica e a temática será libre.
Os traballos serán dirixidos ao colexio antes do 15 de maio e contará con varios premios. Haberá 1 gañador por cada ciclo cun lote de material de agasallo. A entrega de premios efectuarase nos centros educativos no mes de xuño.