O CEIP Veleiro-Docampo acolle este mes obradoiros de educación emocional e autoestima para o alumnado

LugoXa | TerraChaXa
O programa forma parte das iniciativas de prevención de condutas aditivas impulsadas pola agrupación de concellos, coa colaboración das administracións locais participantes e da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia
ceip-veleiro-docampo-castro
13 Oct 2026

O Servizo de Prevención de Condutas Aditivas da agrupación de concellos de Begonte, Castro de Rei, Friol, Outeiro de Rei e Rábade desenvolverá durante este mes de outubro diferentes obradoiros no CEIP Veleiro-Docampo, dirixidos ao alumnado de cuarto e quinto de Primaria.

As actividades celebraranse os días 14, 21 e 28 de outubro e estarán centradas na educación emocional e no fortalecemento da autoestima, con contidos adaptados ás necesidades de cada nivel educativo.

O alumnado de cuarto de Primaria participará nun obradoiro de educación emocional orientado a identificar, comprender e expresar as emocións, así como a recoñecer e entender os sentimentos doutras persoas. A iniciativa tamén abordará o diálogo como ferramenta para expresar o que se sente.

Pola súa banda, os escolares de quinto de Primaria asistirán a un obradoiro de autoestima no que traballarán o autocoñecemento, a valoración das propias capacidades e cualidades dos compañeiros e compañeiras e a aprendizaxe a partir dos erros. Ademais, coñecerán estratexias para afrontar pensamentos negativos e fomentar o autocoidado.

O programa forma parte das iniciativas de prevención de condutas aditivas impulsadas pola agrupación de concellos, coa colaboración das administracións locais participantes e da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

0.14520597457886