O Centro Cultural de Vilalba recupera por unha noite o espírito da mítica Discoteca Troco

O Centro Cultural e Recreativo de Vilalba acollerá este sábado, 27 de xuño, unha nova edición de Puro Troco, unha festa que pretende revivir o ambiente, a música e os recordos da histórica Discoteca Troco, un dos locais de referencia para varias xeracións na comarca.
A cita dará comezo ás 23.00 horas e contará coa participación de Marcos Peón, DJ residente da lendaria discoteca, que será o encargado de poñer a banda sonora dunha noite marcada polos grandes éxitos que fixeron bailar a centos de persoas durante décadas.
O evento contará tamén coa presenza do DJ convidado Ello, que completará unha programación musical centrada nos temas máis emblemáticos dunha época que permanece moi viva na memoria dos seus seguidores.
Desde a organización destacan que a iniciativa busca recuperar por unhas horas o espírito dunha das salas máis lembradas de Vilalba, ofrecendo ao público a oportunidade de volver escoitar os himnos musicais que marcaron toda unha xeración.
A entrada será gratuíta para as persoas socias do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, mentres que os non socios deberán abonar dez euros para acceder ao evento.