O Centro de Día de Begonte continúa coa iniciativa de cine de barrio cunha nova proxección o mércores

O Centro de Día de Begonte, situado en Baamonde, organiza unha nova sesión de cine de barrio o vindeiro mércores, 25 de novembro, ás 11.45 horas, coa proxección da película Esa voz es una mina, protagonizada por Antonio Molina. A actividade dá continuidade a unha iniciativa que xa tivo unha boa acollida nas anteriores sesións e que busca achegar o centro á comunidade e favorecer a participación e o encontro entre as persoas usuarias e a veciñanza.
A proxección terá lugar nas propias instalacións do centro, onde as persoas asistentes poderán compartir unha mañá de cine coas persoas usuarias, nunha proposta que pretende fomentar a convivencia e fortalecer os vínculos entre o Centro de Día e o seu contorno social.
A actividade está aberta a calquera persoa interesada e será totalmente gratuíta, aínda que será necesario realizar unha inscrición previa. Para reservar praza, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 982 39 80 04 ou 687 05 61 94.
Con esta nova convocatoria, o Centro de Día de Begonte continúa apostando polo cine como ferramenta de encontro e dinamización comunitaria, dando continuidade a unha proposta que está a contar cunha resposta positiva por parte das persoas participantes.