Cambian os horarios de visitas nos centros de interpretación de Bretoña e Fonmiñá para reforzar as visitas neste verán

O Concello da Pastoriza vén de actualizar os horarios de apertura dos seus dous principais centros de interpretación co obxectivo de facilitar as visitas durante a tempada estival e achegar á veciñanza e aos turistas o patrimonio histórico, cultural e natural do municipio.
Desde o pasado 10 de agosto, o Centro de Interpretación de Bretoña (CIN) abre de luns a venres entre as 10.00 e as 11.30 horas. Este espazo permite descubrir a historia dunha localidade que foi sede episcopal en tempos suevos e que conserva unha importante pegada vinculada ás orixes do cristianismo en Galicia e ao seu pasado medieval.
No seu interior, os visitantes poden atopar aulas interactivas multimedia, maquetas a escala, restos arqueolóxicos procedentes do castro de Saa e diversos elementos etnográficos de gran valor patrimonial. O centro ofrece un percorrido divulgativo pola historia e a evolución cultural dunha das parroquias con maior relevancia histórica da comarca.
Pola súa banda, o Centro de Interpretación do Alto Miño-Fonmiñá contará cun horario de apertura de luns a venres entre as 12.00 e as 14.00 horas, mentres que os sábados poderá visitarse de 11.30 a 14.00 horas.
Situado na contorna do nacemento do río Miño, este espazo constitúe un referente para coñecer os valores naturais e ambientais dun dos lugares máis emblemáticos da provincia de Lugo. Ademais de ofrecer información sobre o principal río galego e o ecosistema que o rodea, permite aos visitantes comprender a importancia de Fonmiñá como recurso natural e turístico.
Desde o Concello destacan que ambos os centros contribúen a divulgar o patrimonio da Pastoriza e a potenciar o atractivo turístico do municipio. Para máis información ou reservas de grupos no Centro de Interpretación do Alto Miño-Fonmiñá, as persoas interesadas poden contactar no teléfono 982 33 21 97.