O centro sociocomunitario de Vilalba inicia a programación do ano
O centro sociocomunitario da Xunta en Vilalba, situado na praza da Constitución, dá comezo á nova programación de actividades para este ano. O delegado territorial, Javier Arias, visitou as instalacións para coñecer de primeira man as iniciativas en marcha.
Arias explicou que este centro ofrecerá desde esta semana e ata final de ano ata doce actividades que se desenvolverán nas tardes dos luns a venres. Así, as persoas maiores que así o desexen poderán participar en cursos de informática, memoria, saúde e benestar, voluntariado, encaixe de bolillos, coro, manexo de móbiles, fisioterapia e podoloxía, entre outras.
Lembrou tamén que a Consellería de Política Social e Xuventude dispón dunha rede de centros sociocomunitarios que ofertan arredor de 3000 prazas en máis dun cento de actividades. Ademais de Vilalba, na nosa provincia a Xunta con centros na praza da Milagrosa de Lugo, en Mondoñedo e Ribadeo, e están concibidos como lugares para a socialización e a convivencia interxeracional, con abundante oferta de cursos ou actividades que favorecen o envellecemento activo.
Tamén se implican na dinamización da contorna e están abertos ás asociacións e colectivos locais, que atopan nestes centros da Xunta espazo para desenvolver as súas iniciativas.