O Certame Terra Chá recoñece o talento creativo da infancia e da mocidade na súa 47ª edición

A asociación Xermolos deu a coñecer a relación de premiadas e premiados da XLVII edición do Certame Terra Chá de creación infantil e xuvenil, unha das iniciativas culturais máis consolidadas de Galicia para fomentar a creatividade artística e literaria entre as novas xeracións.
O certame, dirixido a alumnado desde Educación Infantil ata Bacharelato e Formación Profesional, contempla diferentes modalidades como debuxo, poesía, prosa, murais, música, fotografía, banda deseñada e premios especiais. Ademais, as obras literarias participantes deben estar redactadas en lingua galega, reforzando así a promoción do idioma entre a mocidade.
Na categoría de debuxo, o xurado recoñeceu os traballos de Martina Gil Sánchez, do CPI Virxe do Monte de Cospeito; Mateo Fernández García, do CEIP Magdalena das Pontes; Carlota Prieto Domínguez, Lucía Costina Frim Montes e alumnado do CEIP Insua Bermúdez de Vilalba; Uxía Villasuso Roca, tamén do CEIP Magdalena; Aitana Campello Sánchez e Alberte Teijido Varela, do CEIP Lagostelle de Guitiriz; Aleixo Castro Cao, do CEIP Foz nº 1; Brais Tomé Sanmiguel e Niko Rilo Rodríguez, do CEIP Parga; Noa Castiñeiras Roca, do CEIP A Fraga das Pontes; Stacy González Zurita, do CEIP Teixeiro; Sandra Sanjurjo Ares, do CEIP Lagostelle; Lucía Cabarcos Pena, do CEIP Magdalena; Oliver González Teixeiro e Elsa Brandariz Lorenzo, do CEIP A Barqueira; Kilian Díaz Caetano, do CEIP Magdalena; Mayra Fernández Bellas, do Taller de Arte Comeluz das Pontes; e o traballo colectivo “Sinfonía de cores e emocións”, realizado polo alumnado do CEIP Teixeiro.
No apartado de Educación Secundaria e Bacharelato foron distinguidos Iria Vázquez Cao, do IES Moncho Valcarce das Pontes; Adrián García Castro, do IES Plurilingüe Castro da Uz; Yanira Otero Morado, do IES Basanta Silva de Vilalba; e Pedro de la Fuente e Naiara Dorado Muiños, ambos do IES Moncho Valcarce.
Na modalidade de poesía resultaron premiados Aroa Díaz Otero e Emma Vázquez Santalla, do CEIP Parga; a Aula de 2º de Primaria do CEIP Monseivane; Brais Nieto García, tamén do CEIP Monseivane; Tamara López López, do IES Basanta Silva de Vilalba; e José Luis Fernández Prado, do IES Díaz Castro de Guitiriz.
Na categoría de prosa foron recoñecidos os traballos de Aroa Lagares Loureiro, do CEIP Lagostelle; Mariña López Canosa, do CEIP Zalaeta da Coruña; Martín Regueiro García, do CEIP Sobrado dos Monxes; Valeria López Torres, Antía Espiñeira Fernández e Asier Gil Cadanide, do IES Díaz Castro de Guitiriz; Ana López Canosa, do IES Menéndez Pidal da Coruña; e Tiago Díaz Domínguez, do IES Salvador de Madariaga.
Entre os murais premiados figuran “Os fíos de...”, dedicado a Begoña Caamaño na Festa das Letras e realizado polo alumnado do CEIP Lagostelle; “Celebración da nosa lingua”, do CEIP Martagona de Melide; “Adiós ríos, adiós fontes...”, homenaxe a Rosalía tamén do CEIP Lagostelle; os traballos da Aula Específica do CEIP Insua Bermúdez de Vilalba; e unha creación colectiva do CEIP Teixeiro.
Na modalidade musical foi premiado Roi López Quijada pola interpretación da “Muiñeira Xermolos”, de Suso López Ares, representando ao CEIP Lagostelle. Tamén foron recoñecidas as creacións colectivas “Romanos e celtas”, interpretada polo alumnado de sexto de Primaria do CEIP Parga, e “Regueifas do Portal”, elaborada e interpretada polo alumnado de quinto e sexto do CEIP Sobrado dos Monxes.
Na categoría de banda deseñada resultou gañadora Lara Ameneiro Estrada, do IES Castro da Uz e do Centro das Artes Comeluz das Pontes, mentres que en fotografía foi recoñecido Noe Rodríguez Fernández polo traballo “Os mecos de Sambreixo”, presentado desde o IES Díaz Castro de Guitiriz.
O xurado concedeu ademais varios premios especiais ao CPI Monfero polo proxecto “Voces silenciadas. Lugares de memoria”, realizado por alumnado de cuarto da ESO baixo a coordinación da profesora Paula Cadaveira; ao CEIP Teixeiro polo conto colectivo “A misión imposible dos animais rebuldeiros e os teixeiresiñ@s brincadeiros”; e ao CEIP Oza dos Ríos por un vídeo dedicado á dinamización da lingua galega.
A entrega de premios celebrarase o vindeiro 2 de agosto no marco do Festival de Pardiñas, nun acto que servirá para recoñecer o talento creativo da infancia e da mocidade e para reivindicar o papel da cultura, da educación e da lingua galega como ferramentas fundamentais de expresión e creación. Con esta cuadragésimo sétima edición, o Certame Terra Chá reafirma o seu prestixio e consolídase como unha referencia na promoción da creatividade xuvenil en Galicia.