O Ciclo Mestre Mateo 2026 levará a Vilalba curtametraxes, documentais e longametraxes galegas ata novembro

O Auditorio Municipal de Vilalba converterase nos próximos meses nun escaparate do audiovisual galego coa celebración do Ciclo Mestre Mateo 2026, unha iniciativa impulsada polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual e o Concello de Vilalba, e que conta co financiamento do ICAA, do Ministerio de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais.
A programación arrancará o vindeiro 14 de xuño ás 20.00 horas coa primeira sesión de curtametraxes de animación, na que se proxectarán as obras Lucus, Nuno, O mesmo e El cuerpo de Cristo, esta última gañadora na súa categoría. A sesión marcará o inicio dun ciclo que permitirá ao público chairego achegarse a algunhas das producións finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo.
A proposta continuará o 3 de xullo cunha segunda sesión de curtametraxes, nesta ocasión de imaxe real, formada por Abellón, Airdes, Berta, Algo novo que contar e Urmán.
Xa no mes de setembro chegarán as primeiras longametraxes. O día 3 proxectarase Antes de nós, dirixida por Ángeles Huerta, mentres que o 13 será a quenda do documental A son da nova regueifa, de Manolo Maseda e Xuli Flores. O ciclo continuará o 27 de setembro coa película de ficción As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns.
Durante outubro o público poderá asistir á proxección de dous documentais destacados. O día 4 exhibirase Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras Gallego, e o día 17 chegará O silencio herdado, dirixido por Lucía Dapena González.
A programación completarase no mes de novembro co documental 360 Curvas, de Nacer a Medio Camiño, Alejandro Gándara e Ariadna Silva, previsto para o día 21, e coa película de ficción Sirat, de Oliver Laxe, que pechará o ciclo o día 28.
Todas as proxeccións terán lugar ás 20.00 horas no Auditorio Municipal de Vilalba e a entrada será de balde ata completar a capacidade da sala.
Desde a organización destacan que esta iniciativa busca achegar ao público da comarca unha ampla mostra da produción audiovisual galega máis recente, ofrecendo a oportunidade de coñecer curtametraxes, documentais e longametraxes recoñecidas nos Premios Mestre Mateo e promovendo ao mesmo tempo a difusión da cultura cinematográfica en Galicia.