O Ciclo Mestre Mateo regresa a Vilalba cunha segunda sesión dedicada ás curtametraxes de imaxe real

TerraChaXa
O Auditorio Municipal acollerá o venres a proxección de catro traballos finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo
curtametraxes-vilalba-iescha
2 Jul 2026

O Auditorio Municipal de Vilalba será escenario este venres, 3 de xullo, dunha nova cita co audiovisual galego da man do Ciclo Mestre Mateo 2026. A partir das 20.00 horas celebrarase a segunda sesión de curtametraxes, dedicada nesta ocasión á proxección de catro obras de imaxe real finalistas nos XXIV Premios Mestre Mateo.

A actividade está organizada polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual e o Concello de Vilalba, e conta co financiamento do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Nesta sesión proxectaranse as curtametraxes Abellón, Adeus, Berta, Algo novo que contar e Curmán, esta última recoñecida como a gañadora da categoría. A iniciativa forma parte dun ciclo que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses e que permitirá ao público achegarse ás películas finalistas dos Premios Mestre Mateo, incluíndo documentais, longametraxes e curtametraxes.

Con esta programación, o Ciclo Mestre Mateo continúa a súa aposta por divulgar e promocionar a creación audiovisual galega, ofrecendo á veciñanza da comarca a oportunidade de coñecer algunhas das producións máis destacadas do panorama cinematográfico do país.

0.097507953643799